Feijóo en Lalín: «No debate, con Rajoy estará a realidade dos españois»

 

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou en Lalín que no debate de hoxe, con Rajoy estará a realidade dos españois e ao outro lado, o de Rubalcaba, «o disimulo, os tópicos e a ciencia ficción, e dun lado estarán estes oito anos que podemos converter en pasado e doutro o futuro que precisamos».

Segundo o líder do PPdeG, escoitaremos no debate, na metade do tempo, verdades e realidades, e na outra metade de tempo, unha película de ciencia ficción como a que nos contaron estes anos: carísima e cun elenco de excepción constituído por Zapatero, Rubalcaba, Blanco, Magdalena Álvarez, Elena Salgado, Leire Pajín, Bibiana Aido, Esquerra Republicana e BNG. Trátase, pois, da mesma película de ciencia ficción que contou o Goberno socialista mentres o que de verdade sucedía era un drama.

 

 O presidente engadíu que «seguramente os dun partido dirán unha cousa e os do outro, outra distinta, pero o que é seguro é que os cidadáns son os gañadores do debate de mañá porque por fin se tratará sobre o que durante catro anos se quixo negar; porque un e outro, aínda que de diferente xeito, coincidirán en que non se pode volver repetir un Goberno como o que temos vivido estes anos e, sobre todo, porque dentro de quince días todos poderemos votar polo cambio».

 

O presidente do PPdeG apuntou que «non  é máis ciencia ficción o que precisa España senón verdades; non é intrigas o que se precisa senón certezas; non é amnesia senón sentido común; non é o pasado que non debemos volver repetir senón o futuro ao que debemos aspirar; non é un partido desorientado senón un Goberno; e non é un contacontos, senón un Presidente que conte con todos».

 España precisa, por tanto, un presidente que se centre en arranxar a economía con planificación, rigor, medidas e non con demagoxia; que se tome en serio Galicia e non un que nin saiba nin lle importe onde queda este concello ou nin tan sequera saiba que é o Xacobeo; que se esforce en combater o problema do paro e non un que se dea por vencido e só busque como convivir con el;  que asegure as pensións con bos cadros económicos e non con simples boas palabras e malas xestiones.

 Trátase dun presidente que defenda unha boa política social cunha boa economía que a poida sustentar e non de boquilla namentres a deixa ao borde da quebra. Ese presidente é Mariano Rajoy «e non Rodríguez Zapatero 2».

Segundo o líder do PPdeG, durante esta campaña electoral imos escoitar de todo por parte do Partido Socialista, pero probablemente nada do que fixeron e si moito do que din que farán os populares e non van facer.

 A súa campaña será, polo tanto, a de tentar despistar á xente, a de tentar subestimar a intelixencia dos cidadáns e a de ocultar o seu pasado durante estes 8 anos, mentres que a dos populares será a de centrarse no que importa, a de dirixirse á xente como o pobo maduro que conforman e a de mostrar que hai un futuro.

 «Mentres os socialistas buscarán a pelexa, os populares, a suma; mentres falarán de Rajoy, os populares falarán de España; mentres eles recurrirán aos topicazos esquerda-dereita, os populares abordarán as realidades».

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar