A Xunta e a Mesa do Naval plantexan duas alternativas ó «tax lease»

 Xunta, patronal e sindicatos propuxeron dúas novas alternativas ao ‘tax lease’, o sistema de bonificación fiscal para a construción de buques suspendido dende xuño por unha denuncia na Unión Europea (UE). Ambos os dous son unha «adaptación» ás necesidades galegas do modelo francés, que é o único que as autoridades comunitarias aceptan.

 

   Así o destacou, en declaracións aos medios de comunicación nun receso da mesa do diálogo social do naval, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. As dúas propostas serán enviadas aos Ministerios de Economía e Industria, aos grupos parlamentarios, á Comisión Europea e ao Consello Económico e Social Europeo, entre outros organismos interesados.

   O estudio coas alternativa irá acompañado da «esixencia de que, de forma inmediata», as autoridades competentes «póñanse a traballar para resolver este problema», tras o rexeitamento da primeira modalidade, comunicado o pasado día 2 de novembro. Porque o sector naval galego non pode «esperar máis» e xoga «14.000 postos de traballo», advertiu o titular de Economía e Industria.

   O Goberno galego coñece «por comentarios indirectos» que o comisario da Competencia, Joaquín Almunia, só aceptará un sistema «similar» ao francés, que prevé unha amortización «a oito anos». «Dende o noso punto de vista, non é efectiva nin válida para os nosos estaleiros», resaltou Guerra.

   Por iso, explicou, a mesa do naval coñeceu este luns o traballo desenvolvido por técnicos da consellería e asesores xurídicos e que apela á autorización dun sistema con amortización anticipada –parecido ao que xa rexeitaron as autoridades europeas– ou outro con amortización libre, «de aquí a 2015».

   A diferenza é substancial, posto que, «en vez de estar oito anos a amortizar o buque e poder cargar sobre a conta de resultados do barco un oitavo en cada ano, poderíase amortizar máis rapidamente, o que ten máis vantaxes dende o punto de vista fiscal».

   O conselleiro trasladou aos xornalistas a «indignación» da mesa do naval «por como se levou este proceso por parte do Goberno de España, que é quen ten que representar ante a Unión Europea» ao sector. «Vémonos absolutamente indefensos despois de ser leais ante o Goberno de España, de facer unha proposta, de esperar tal e como se nos pediu», relatou.

   Con todo, incidiu na actitude «positiva» da Xunta, a patronal e os sindicatos, que presentan agora dúas novas alternativas que permiten «manter as condicións que teñen neste momento os estaleiros e –ao seu xuízo– pode ser aplicada, porque está sendo xa aplicada noutros sectores e noutras actividades económicas».

   A proposta inclúe un calendario, «dadas as circunstancias actuais» e a inminencia das eleccións xerais. «Pensamos que –o novo modelo– pode estar en marcha a primeiros do ano que vén», resaltou Javier Guerra.

   Ao respecto, aludiu á «serie de cambios regulamentarios e lexislativos que hai que facer» –demanda de Almunia– e fixo fincapé en que «por iso» as alternativas serán remitidas «a todos os partidos, para que de forma inmediata se poña en marcha e poida ser aprobado este novo sistema».

   A meta, resaltou, é que «nas novas Cortes se poida aprobar con máxima urxencia» a alternativa ao ‘tax lease’, para poder «estar a «contratar barcos en Galicia» en xaneiro.

   «A mesa naval considera que o mellor é mandar esta proposta de readaptación do sistema francés ás nosas propias características, ás nosas necesidades,», insistiu o conselleiro.

   O titular de Economía e Industria chamou a atención sobre o feito de que o sistema francés «foi revisado pola UE en 2004» e non foi aprobado ata 2007. «Nós non podemos esperar tres anos», evidenciou. «Hai que buscar unha solución aínda que sexa transitoria. Necesitamos empezar a contratar», agregou.

   Por iso, a consellería solicitou o pasado día 4 unha reunión con Almunia, para trasladarlle as «concrecións» da adaptación do sistema francés ás necesidades dos estaleiros «galegos».

   Pero é o Goberno central o que ten que trasladar esta proposta, subliñou. «Agora xa non é unha cuestión de esperanza. Fomos respectuosos co que nos pedía o Goberno de España, deixámoslle facer; ía haber unha solución… Conclusión: 7 de novembro e non temos o sistema», censurou Guerra.

   Por outra parte, pero aínda en relación coa crise que afecta ao sector naval, o responsable de Economía e Industria constatou que Navantia é un estaleiro público e que a Xunta «aínda está á espera dunha resposta» por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

   «Como no tema do ‘tax lease’, parece que só temos que tomar a iniciativa nós», comentou. Así, subliñou que o Goberno autonómico non vai financiar un dique flotante para un estaleiro público, pero si o quere «apoiar de forma subsidiaria». «Porque quen ten que tomar a iniciativa é Navantia».

   Ademais, Guerra reprochou que a proposta da Xunta –lanzada a mediados do pasado mes– «fose criticada». «Din que non estaba completa… Pois fagan unha proposta completa. Fagan unha proposta concreta dunha vez», proclamou, sobre un dique que considera «interesante» dende o punto de vista do mercado e «rendible» en termos económicos.

   Este domingo, miles de persoas –máis de 20.000 segundo os sindicatos –, percorreron as rúas de Ferrol nunha protesta convocada por CIG, UGT, CC.OO. e a USTG para reivindicar «carga de traballo» para o sector naval e a construción dun dique flotante para Navantia, pero tamén servizos públicos de calidade e o cumprimento de compromisos pendentes coa bisbarra, como o saneamento da ría ou o enlace ferroviario ao porto exterior.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar