Los enfermos de Alzheimer tendrán máxima prioridad con la tarjeta «AA»

 

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, anunciou que a Xunta traballa para poder dotar, ao longo do próximo ano, ás persoas con Alzheimer da tarxeta AA -dobre A, “atención e acompañamento”-, que significa prioridade no acceso aos servizos sanitarios e permite que estean acompañados por un familiar durante os procesos de atención. “Con este compromiso pretendemos mellorar a seguridade dos pacientes e diminuír os niveis de ansiedade durante os actos médicos”, explicou.

A conselleira presidiu hoxe a inauguración das IX Xornadas Interdisciplinares da Federación Galega de Asociacións de Enfermos de Alzheimer e outras demencias, onde avanzou tamén que Sanidade está a traballar coa Consellería de Traballo e Benestar no Comité de Planificación de Atención Sociosanitaria de Galicia e colabora no Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013, horizonte 2015, para coordinar a atención dos maiores, evitar duplicidades de servizos e buscar a maior eficiencia dos recursos sociais e sanitarios.

Máis de 5.000 novos casos anuais en Galicia
Segundo sinalou, a Organización Mundial da Saúde considera que o Alzheimer é –xunto con outras demencias- unha das doenzas prioritarias, xa que se estima que a padecen 24 millóns de persoas en todo o mundo. Segundo a Sociedade Galega de Neuroloxía, Galicia conta cunha das cifras máis altas do territorio nacional, con máis de 30.000 persoas afectadas e unha incidencia de 5.000 novos casos anuais.

Ademais, observou, os neurólogos estiman que estas cifras duplicaranse en 2020 debido ao envellecemento da poboación, cun índice de envellecemento estimado polo Instituto Galego de Estatística no 2010 dun 140,5%. “E somos moi conscientes de que este grupo de enfermidades afectan non só ao enfermo, senón tamén aos seus coidadores, que precisan dun sólido apoio, tanto psíquico coma físico, ao longo do tempo”, observou.

Neste sentido, a conselleira indicou que o Servizo Galego de Saúde está dotado de profesionais capacitados para a asistencia destes pacientes, se ben a maioría dos casos precisan ademais do apoio da familia, o que supón importantes repercusións a nivel emocional, físico, social e laboral.

Colaboración coas asociacións
Por iso, dixo Farjas, dende a Consellería de Sanidade recoñécese o grande esforzo dos familiares de enfermos de Alzheimer no día a día, así como o labor dos profesionais das asociacións. Isto levou á Xunta a colaborar de forma máis intensa co movemento asociativo, así como nos labores de información, orientación e atención interdisciplinar dos pacientes e da familia; e a cooperar na formación continuada dos profesionais e colaboradores das asociacións, así como nas actividades de sensibilización social.

Deste xeito, a titular de Sanidade destacou o papel desenvolvido pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns, que ten a finalidade de orientar e formar pacientes, familiares e cidadáns en materia de saúde e o obxectivo de mellorar a calidade de vida no entorno familiar dos pacientes, informando e formando aos coidadores, aos familiares e aos propios doentes.

Así, resaltou que a Escola ten realizado distintos talleres sobre o tema e dous foros online con expertos a través da páxina web da Escola (www.sergas.es/EscolaSaude/), que tiveron unha gran acollida e alta participación, para que calquera persoa puidera consultalos sobre cuestións relacionadas con esta patoloxía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar