Galicia anticipouse no cambio, afirma Feijóo

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, garantizou hoxe un Goberno do PP sen siglas no que non importe a ideoloxía dos cidadáns senón un proxecto común para a recuperación económica. 

Así se expresaba o líder do PPdeG en Ponteareas, onde engadía que co proxecto do Partido Popular hai algo que vai máis aló das diferenzas políticas e os clichés ideolóxicos e é un obxectivo que compartimos todos, que é o da recuperación, cuxo camiño é preciso percorrer todos xuntos.

Así mesmo, Feijóo apuntou que «aqueles que non quixeron escoitar aos galegos pedindo o cambio hai dous anos e medio agora terán que escoitar a todos os españois» e engadiu que é imposible que haxa un bo goberno sen que os cidadáns estean continuamente presentes e se lles escoite. 

 

Segundo o líder do PPdeG, hai dous anos e medio, os cidadáns pediron un cambio e só o Partido Popular se deu por aludido. Con respecto a isto, Feijóo indicou que o PP escoitouno en Galicia e  nas Comunidades e actuou en consecuencia mentres que o PSOE non quixo escoitar nin se deu por aludido. 

Así, se o PSOE tivera feito caso á intelixencia e a anticipación dos galegos hai dous anos e medio pedindo un cambio, hoxe ese cambio podería ofrecelo tamén o PSOE.pero unha vez máis volveu a repetir o seu erro e a súa torpeza de ignorar o sentido común dos galegos. 

Se tivera escoitado aos galegos pedindo un cambio, estes dous anos non tivera que ter escoitado continuamente a Europa mentres gobernaba; e se tivera escoitado aos galegos pedindo un cambio hai dous anos e medio, o próximo 20 de novembro non tería que escoitar a todos os españois pedindo cunha soa voz o que toda España precisa xa: cambio. 

Segundo o dirixente popular, Galicia leva máis de dous anos anticipándose ao que agora é unha urxencia nacional. Así, anticipouse coa austeridade, gastando menos no goberno para poder gastar o máis posible nos cidadáns; cunhas contas públicas rigorosas para que axudaran a resolver problemas, en lugar de agravalos; cunha economía planificada para dar confianza, cun plan estratéxico para desenvolver cada día; en lugar de improvisar sen pensar cada mañá e con medidas de eficiencia, apostando polos xenéricos para poder facer máis centros de saúde públicos, novos hospitais públicos e mellorar, ampliar e modernizar os que xa tiñamos. 

Da mesma maneira, o Goberno galego anticipouse cunha educación pública máis completa e máis competitiva;  cun plan de infraestruturas onde se prima as zonas máis desfavorecidas buscando o equilibrio territorial en lugar de agrandar as diferenzas; priorizando o pagamento das nosas débedas, pagando antes que ninguén aos provedores en lugar de aumentar o noso déficit e agravar os problemas dos emprendedores; buscando o entendemento a través do diálogo social, en lugar de buscar a fractura social con reformas contraproducentes e, por enriba de todo, Galicia anticipouse en algo, a través da expresión das galegas e os galegos: na necesidade de cambiar.

Desta maneira, os galegos dixemos non á improvisación, á frivolidade, á división e rexeitamos calquera vendaxe coa que se lles tratara de tapar a realidade que sofren as familias e os populares galegos iniciaron unha política alternativa que tivera feito que España presentara hoxe unha situación bastante mellor que a que agora toca afrontar. 

Con respecto a isto, o dirixente popular lembrou que hai dous anos, aínda había un Goberno de España que persistía no seu disimulo da situación a base de retórica e de gastos que non nos podiamos permitir mentres que os galegos xa nos arremangabamos polas dificultades que tiñamos que afrontar. 

Nesta liña, mentres o Goberno central creaba unha nova vicepresidencia, a Xunta reducía á metade o seu número de altos cargos; mentres viaxaban en Falcon aos mitines, aquí reducíase o gasto e uso en parque móbil e en todos os gastos superfluos e, á vez que trataba de suplir a súa carencia de solucións co gasto polo gasto incrementando a brecha do déficit público,Galicia axustaba as súas contas.

Segundo o dirixente popular, boa parte do cambio constitúena as ideas, as propostas e as iniciativas que só o Partido Popular pode aplicar porque ten experiencia e programa para iso. 

Así, o primeiro cambio que os españois necesitamos acadar é que a lexislatura se inicie cun Goberno que diga a verdade e que teña un programa e ese cambio está no Partido Popular. Durante estes anos temos sido gobernados por un Goberno que tiña un programa que consistía en negar a realidade, que dicía que non había crise e, por tanto, inútil e incluso contraproducente para combatela. 

Por iso, España precisa dun Goberno cun programa para facer o que debe facer: administrar con responsabilidade e iso o ten agora, por fin, no Partido Popular, cun programa de crecemento económico e de oportunidades; de xeración de emprego; de mellora da educación pública; que garante con rigor o benestar; que reforma a administración e as institucións para facelas máis útil e cun programa para que España recupere o seu crédito internacional pero para que sobre todo, e antes, recupere a confianza en si mesma porque hai razóns: son todos e cada un dos españois.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar