A Xunta crea una rede dixital de emerxencias con medios propios

Galicia contará cunha rede de emerxencias única, que incorpore todos os beneficios da tecnoloxía punta e que suporá blindar, as 24 horas, a resposta ante as emerxencias que se produzan na comunidade. O número inicial de usuarios entre efectivos de protección civil, Axega, policía autonómica, 112, dispositivos antiincendios, Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000.

Cun investimento de 6,5 millóns de euros –a través dun convenio entre as consellerías de Medio Rural, Presidencia e Administracións Públicas e Xustiza e a empresa pública Red.es-,o presidente Feijóo avanzou que a rede empregará “a mellor tecnoloxía”, a tecnoloxía TETRA, “a máis punteira neste tipo de comunicacións e a recomendada, desde o punto de vista das emerxencias, a nivel europeo”. Así mesmo, subliñou que esta rede está dentro do marco da Axenda Dixital 2014.gal, “polo tanto aproveitaremos a extensión do Plan de Banda Larga e as redes do operador público galego Retegal”; e permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos.

“Todos eles utilizarán esta única rede á que se incorporarán, nos próximos tres anos, as deputacións e os concellos. En total estamos a falar de 8.000 efectivos. Todos os efectivos da administración autonómica, da administración local, da administración provincial utilizarán unha rede de titularidade pública Xunta de Galicia”.

“Galicia contará, por primeira vez, cunha rede dixital de emerxencias en propiedade que integrará e conectará nun mesmo sistema a todos os colectivos. Unha rede que satisfai plenamente os requisitos de seguridade e que blinda a comunicación e a coordinación entre todas as persoas que se dedican á emerxencia en Galicia”.

O titular do Goberno galego precisou que esta rede permitirá “que todos traballen co mesmo sistema”; aproveitar todas as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías e evitar a dependencia de terceiros, como son as operadoras telefónicas, “é dicir, disponibilidade ante calquera risco de colapso”. Así mesmo, explicou que posibilitará a incorporación de diversos servizos, xa que “a través desta rede se poderá ubicar xeograficamente aos efectivos dado que terá GPS; e terá, amais, envío de SMS a persoas e grupos que conforman a rede; envío de fotos; consulta de base de datos; gravación de conversas, etc”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar