Os xuristas galegos en Madrid homenaxean a Palmou coa asistencia de Rueda

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, participou na Casa de Galicia en Madrid no acto de imposición da Insignia de Ouro da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama) ao ex conselleiro e membro do Consello de Contas, Xesús Palmou.

Previamente á entrega da condecoración, Rueda presentou a conferencia de Palmou, quen ofreceu un relatorio sobre “O réxime económico do matrimonio, unha posible reforma”, que é un dos ámbitos do Dereito Civil galego que é obxecto de debate na Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia, na que o ex conselleiro é coordinador deste aspecto da lei.

No relatorio, que tivo como marco a Casa de Galicia en Madrid, Palmou avogou por modificar a actual redacción da lei para que o réxime económico do matrimonio sexa o convido polos cónxuxes nas capitulacións matrimoniais e, en defecto de convenio, sexa o de separacións de bens e non o de gananciais como é na actualidade.

Ademais, propuxo na súa intervención a introdución de novos artigos que dean resposta ás situacións de desigualdade, discriminación ou dependencia que aínda se dan e que prexudican a un dos cónxuxes.¡

Precisamente, a ponencia presentada por Palmou esta tarde é unha das nove que están abordando os grupos de traballo que se crearon no seo da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia. Estes grupos están encabezados cada un deles por un coordinador e analizaron temáticas relativas aos contratos, aos dereitos reais ou a protección de menores, adopción e autotutela ou ao réxime económico do matrimonio.

Pola súa banda, Rueda aproveitou o acto para avanzar aos presentes que o ano que vén a Xunta de Galicia remitirá ao Parlamento galego os relatorios feitos polos expertos sobre a Lei de Dereito Civil de Galicia, co obxectivo de axudar á Cámara autonómica e orientar aos deputados de cara á reforma desta normativa.

A Comisión Superior de Dereito Civil é o órgano consultivo encargado de realizar estudos e emitir ditames e informes sobre o dereito civil galego, materia que regula aspectos tan importantes da vida dos galegos como a protección de menores, o acollemento, as adopcións, os montes en man común, as servidumes de paso ou os testamentos e os pactos sucesorios, entre outras cuestións.

A Xunta volveu a poñer en marcha a comisión, despois de oito anos sen reunirse, para analizar os principais problemas e necesidades que ten hoxe en día a materia e, sobre todo, estudar a situación da Lei de Dereito Civil galego, cuxa última modificación tivo lugar no ano 2006.

A Consellería de Presidencia volverá a convocar a comisión antes de que remate o ano para que os expertos encargados de cada relatorio expoñan os textos definitivos e sexan obxecto de debate nó órgano, co obxectivo de que as conclusións definitivas sexan enviadas ao Parlamento por parte da Xunta o vindeiro ano.

 Forman parte da Comisión por parte da Xunta o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a secretaria xeral da Consellería; o director xeral de Xustiza; a directora da Asesoría Xurídica e tres vogais nomeados polo conselleiro, que son o conselleiro de Contas e ex conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou; o avogado Nemesio Barxa e o profesor de Dereito Civil e alcalde de Ares, Julio Iglesias.

Así mesmo, están representados no órgano o Consello daCultura Galega,o Consello de Avogacía de Galicia, o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade e Mercantís, o Colexio Notarial de Galicia, a Academia de Xurisprudencia e Lexislación, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar