López Abella anuncia os seus obxectivos na Secretaría de Igualdade

 A conciliación, a empregabilidade feminina, e as axudas a mulleres vítimas de violencia e a mulleres prostituídas van centrar as políticas da Secretaría Xeral da Igualdade en 2012, cun presuposto de 10.615.338 €, que experimenta un lixeiro ascenso do 0,08% sobre o deste exercicio. Esta contía orzamentaria, que mesmo medra lixeiramente na actual conxuntura de axuste, revela a prioridade da Xunta de Galicia polas políticas de igualdade, segundo destacou esta mañá a titular do departamento, Susana López Abella, na rolda de prensa celebrada en Santiago para presentar as grandes liñas de actuación, acordes a estes orzamentos.

Un destes firmes compromisos atópase no estímulo da conciliación, co obxectivo de “construir un patrón igualitario, que corrixa os desaxustes do actual patrón tradicional, que cada día evidencia que perxudica a mulleres e a homes”.

Para iso, en 2012 as medidas estarán presididas por unha estratexia “cooperativa e implicativa” de toda a sociedade, mulleres e homes. “A conciliación, declarou Susana López Abella, vai ter un gran compoñente de corresponsabilidade” e anunciou que o departamento vai diseñar e desenvolver un proxecto para impulsar a implicación dos homes como axentes activos, sen detraer recursos para as mulleres, “así o recomenda a estratexia europea e este é o xeito eficaz de avanzar”.

Neste contexto, resulta cualitativamente reseñable a liña de axudas a pais que se acollan á redución da xornada laboral, dotada con 934.667 euros, e á que en convocatorias anteriores houbo unha resposta moi positiva, cun total de 425 homes que no periodo 2010-2011 decidiron reducir a súa xornada laboral para facilitar a conciliación familiar, con axudas que poden chegar aos 3.600 euros.

O fomento da empregabilidade será outro dos eixos preferentes, cun presuposto superior a 1.3 millóns de euros e o obxectivo de “atraer e reter no mercado laboral o talento das mulleres”, unha meta na que será imprescindible a implicación do tecido empresarial e dos axentes sociais.

Destacan asemade os 3.208.459,38 euros que Igualdade destinará aos concellos, a través dos CIMs, e ás entidades sociais sen ánimo de lucro que traballan con mulleres en situación de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

Mulleres vítimas de violencia e prostituídas
En materia de violencia de xénero, as accións estarán baseadas nos principios da prevención, a atención e a integración social, sendo especialmente relevante a axuda económica ás mulleres vítimas de violencia, que en 2012 contará cun importe total de 1,8 millóns de euros. Trátase de axudas de doce meses de duración, que perciben en mensualidades que oscilan entre os 300/800 euros, para garantir unhas condicións de independencia que lles permitan dar o primeiro paso ante unha situación na que corren perigo. Ata o día de hoxe, no que vai de 2011, un total de 158 mulleres están a percibir esta axuda en Galicia.

A protección e asistencia ás mulleres prostituídas vítimas de trata terá nos presupostos de 2012 dous eixos principais de actuación, por unha banda, o programa de colaboración coas ONGs e entidades especializadas na atención a mulleres prostituídas e, por outra, o proxecto internacional Itíneris.

O primeiro programa, enmarcado no protocolo de colaboración asinado en 2010 pola Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior, conta cun orzamento de 289.000 euros, que vai reforzar e ampliar os servizos que cada unha destas institucións presta a estas mulleres, mediante accións como a acollida; asesoramento e orientación; atención psicolóxica; formación e orientación laboral; acompañamento no proxecto persoal; atención sociosanitaria e integración social. “Este é un programa prioritario, sinalou a secretaria xeral, na medida en que se dirixe a un colectivo de mulleres que viven en condicións de escravitude, ás veces, obrigadas a exercer entre 10 e 13 horas diarias no mercado do sexo, con insalubridade e sen acceso aos servizos de saúde”. Para ofrecer unha idea da dimensión do problema, a titular de Igualdade sinalou que en 2010 as ONGs e entidades que colaboran neste programa atenderon en Galicia a 3.645 mulleres prostituídas.

Sobre o programa internacional Itíneris, no que participan Galicia, Portugal e Brasil, salientou o interesse que representa para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria. O obxectivo é afrontar a trata en orixe, neste caso Brasil, e establecer actuacións coordinadas para protexer os dereitos das persoas inmigrantes no ámbito da explotación e da trata.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar