Laura Seara denuncia un «parón eólico» da Xunta

  A secretaria de Estado de Igualdade e cabeza de lista socialista ao Congreso pola provincia de Ourense, Laura Seara, reivindicou a aposta do seu partido polo sector das enerxías renovables para xerar emprego e alcanzar un modelo produtivo «máis moderno, competitivo e sostible», e criticou o «parón eólico» de Galicia porque «non conta co apoio da Xunta».

   Así o afirmou este luns no Complexo Termal de Outariz da capital da provincia que representará nos comicios do 20-N, onde presentou o plan sectorial de medio ambiente e enerxías renovables que o PSOE inclúe no seu programa electoral, baixo o argumento de que este sector é un «dos de maior futuro» para España, polo que precisa dun «apoio preferente».

   Neste sentido, Seara apuntou que no 2009 as enerxías renovables reportaron 7.300 millóns de euros de forma directa, aos que sumou «outros impactos económicos indirectos» por un importe de 3.000 millóns. Así pois, segundo aseverou, o sector renovable, que ocupa 70.500 persoas en España –aínda que en 2010 eran 111.244– , supón un un por cento do Produto Interior Bruto (PIB).

   Nestas circunstancias, no horizonte dos seus obxectivos para 2050, o PSOE propuxo unha Lei de Enerxías Renovables, que prevé a creación dun fondo estatal de apoio a estas enerxías, impulsar o I+D+i no sector e un plan estratéxico para a biomasa, así como o establecemento dun canon sobre as tecnoloxías maduras xa amortizadas –como a hidroeléctrica–.

   Así mesmo, a normativa anunciada polos socialistas regularía o sector eléctrico e incluiría a elaboración dun Libro Branco sobre enerxía que recollese o dereito á xeración enerxética –que calquera persoa puidese converterse en produtor de electricidade–. Ademais, o PSOE aposta por impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías de almacenamento enerxético.

   No lado oposto, a candidata socialista ao Congreso reprobou a actitude da Xunta de Galicia neste ámbito, á que responsabilizou do «parón eólico» da Comunidade, cando se trata da cuarta con máis potencia instalada en enerxías renovables –máis do 14 por cento do total en 2010–.

   Para Seara, Galicia «non conta con apoio» nin sequera en canto á enerxía eólica mariña, da que posúe «o maior potencial de España». De feito, censurou que se suspendese o plan aprobado polo bipartito que, segundo asegurou, «prevía crear 3.000 postos de traballo».

 

Imprimir

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar