«Sinbad», unha coprodución inspirada na obra de Álvaro Cunqueiro, xa está nos cines

 

A película conmemora o centenario do nacemento do literato galego

Televisión de Galicia e Ficción Producciones estrearon éste venres a película «Sinbad», unha coprodución inspirada na obra «Se o vello Sinbad volvese ás illas», de Álvaro Cunqueiro. Dirixida e guionizada por Antón Dobao, experto en levar á pantalla a vida e obra de grandes escritores galegos, a película é un tributo da Televisión de Galicia, dentro da súa misión de servizo público, á conmemoración do centenario do nacemento do literato galego que se celebra este ano en Galicia, e coincide amais co cincuenta aniversario da publicación da obra nomeada.

A longametraxe, que comeza este venres o seu percorrido de estreas polas salas comerciais galegas, está rodada en versión orixinal galega e conta como protagonista con Xosé Olveira «Pico», no papel de Sinbad, xunto a un elenco de grande altura da escena galega e nacional, como Sara Casasnovas, Mariña Sampedro, Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán «Morris, Mariana Carballal, Camila Bossa e as colaboracións especiais de Miquel Ínsua e Mela Casal.  Os actores e actrices de reparto foron Monti Castiñeiras, Manolo Lourenzo, Tamara Canosa, Xoel Fernández, Miguel Varela, Xulio Abonjo, Manuel Lozano, Evaristo Calvo, Guillermo Carbajo, Paulo Rodríguez e María Caparrini.

Rodada en distintos escenarios de Ribeira, Santiago de Compostela e Ames, «Sinbad» é, por riba de todo, un extraordinario fabulador, un home que fai participar aos seus interlocutores das experiencias das súas viaxes pasadas, sen poñer límites entre o mundo real e o universo da imaxinación e da fantasía. Sara, a filla de 13 anos dun amigo, convértese no mellor receptor de todas as historias que narra Sinbad, que chega a compartir coa rapaza a súa vida de escola e  unha imaxinación portentosa.

Amais de estar coproducida pola TVG e Ficción Producciones, «Sinbad» contou coa axuda da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a colaboración do ICAA (Instituto de Cinematografía y de las Artes Audiovisuales), por consideralo un proxecto estratéxico desde o punto de vista cultural.

A novela de Cunqueiro publicouse no ano 1961, precisamente cando o autor se estableceu en Vigo, cidade coa que mantivo unha estreita relación ata o seu pasamento vinte anos máis tarde.  «Se o vello Sinbad volvese ás illas», que xa fora levada ao teatro en 1999 polo Centro Dramático Galego, amosa no característico realismo máxico do escritor de Mondoñedo a nostalxia do vello mariño Sinbad cando lembra o seu pasado cheo de aventuras que soña con retomar, facendo así convivir o pasado co presente. Sinbad parola con viaxeiros de todo o mundo e programa o seu regreso ao mar pilotando a nave «Venadita».

«Sinbad» presentouse aos medios e exhibiuse por vez primeira este martes pasado no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, posto que foi esta a cidade en que o escritor se estableceu no mesmo ano en que viu a luz «Se o vello Sinbad volvese ás illas».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar