Rueda, por unha Xustiza «renovada e máis eficiente»

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, participou hoxe na apertura do XIX Congreso da Asociación Profesional da Maxistratura, onde salientou a importancia que teñen este tipo de foros de debate e reflexión de cara a lograr «unha Administración de Xustiza renovada e máis eficiente».

O titular de Presidencia do Goberno galego incidiu na relevancia das propostas que fan os propios xuíces e maxistrados para plantexar as reformas que precisa a Xustiza e salientou que tanto a Xunta como a APM e todos os actores implicados na Xustiza traballan cun mesmo obxectivo: acadar unha Administración de Xustiza eficiente, de calidade e adaptada aos tempos actuais.

 

Nesa liña, Rueda explicou que a Xunta está comprometida coa consecución dese reto e por iso situou a Xustiza entre as súas prioridades. Así, recordou que se teñen incrementando nos actuais tempos de crise as asignacións orzamentarias para a Xustiza, se ten posto en marcha un ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais e apostouse pola modernización dos medios ao seu servizo e a introdución das novas tecnoloxías.

Para o conselleiro, lograr unha Xustiza mellor é un obxectivo difícil que require de grandes esforzos e que non será posible sen a participación dos xuíces e maxistrados, dos que destacou a súa profesionalidade. Segundo dixo, son fundamentais á hora de facer reflexións e aportacións para mellorar a Administración de Xustiza e por iso o Congreso que hoxe arrinca en Santiago de Compostela ten tanta relevancia.

Ademais do conselleiro de Presidencia, no acto tamén estiveron presentes os alcaldes de Santiago e Coruña, Gerardo Conde Roa e Carlos Negreira; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Manuel Almenar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar