A limitación orzamentaria non reducirá a calidade dos servizos públicos

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, subliñou en comparecencia parlamentaria que a Xunta de Galicia leva garantindo durante toda a lexislatura, nos anos máis difíciles da crise económica, a prestación pública e de calidade dos servizos públicos e afirmou que tamén o fará o vindeiro ano.

 Fernández Currás, que explicou o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2012, lembrou que as condicións teñen mudado nos últimos anos pero, aínda que a comunidade conta hoxe con financiamento autonómico equivalente ao ano 2004, os servizos que presta a Administración autonómico son moito mellores ano tras ano esta lexislatura, grazas a gañancias de eficiencia.

 A titular de Facenda explicou que o incremento dos custos financeiros está asociado a un esforzo extraordinario na defensa do gasto en educación, en materia de sanidade, unha prestación pública que se mellora cada orzamento en calidade e en servizos, así como un esforzo extraordinario para manter o investimento sen perder de vista o compromiso da solvencia da Facenda autonómica.

Por iso, remarcou que este difícil equilibrio permite que Galicia sexa unha comunidade que leva garantido en todo este tempo, cheo de dificultades, a prestación pública e de calidade dos servizos públicos. Neste senso, salientou a capacidade do Goberno galego para aumentar o gasto social en 7,7 puntos no que vai de lexislatura cunha capacidade de gasto no nivel do ano 2006.

ENDEBEDAMENTO

Marta Fernández Currás indicou que o endebedamento é lóxico que aumente en todas as administracións públicas neste momento, pero asegurou que o que diferenza o incremento da Comunidade galega é que sempre se limita ao acordado no Consejo de Política Fiscal y Financiero. Salientou que precisamente é neste momento cando Galicia, por primeira vez na súa historia, ten unha ratio débeda-PIB inferior á media; ademais de ser a quinta autonomía na que menos aumentou esta ratio nos últimos anos.

 A conselleira remarcou así a responsabilidade da Xunta, algo que considerou incuestionable,  mesmo para o Goberno de España que non atopa moitos aliados na sostibilidade das finanzas públicas.

Por outra banda, reivindicou que Galicia é a comunidade máis transparente e que máis control ten das fórmulas de financiamento público-privadas. De feito, apuntou que desde a Consellería de Facenda se emite un informe preceptivo e vinculante antes da aprobación dos pregos que rexente este tipo de contratos. Tamén lembrou que, para reforzar esta posición, a Xunta pedirá ao Consello de Contas un informe técnico para poder fixar un límite ás colaboracións público-privadas.

 “RIGUROSO E RESPONSABLE”

Marta Fernández Currás resaltou que o Executivo galego ten sido rigoroso e responsable e garantiu que o seguirá sendo. Por iso, explicou que a Xunta presentou os seus orzamentos cando o Goberno do Estado no o fixo; presentou unha revisión das previsións de crecemento cando o Goberno de España podía facelo e recoñece que debería facelo; e aporta confianza e certeza aos proxectos económicos e de investimento do próximo ano.

 

Ademais, reiterou a aposta do Goberno autonómico polo equilibrio do territorio priorizando o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense fronte ás de Pontevedra e A Coruña, pois os recursos que destina por habitante nas provincias interiores é un terzo superior ás atlánticas.

 

Así, a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante será o vindeiro ano de 926 euros na provincia de Lugo e de 838 na de Ourense, mentes que á de Pontevedra se destinará 639 euros e á de A Coruña 623.

 

Os orzamentos para 2012 prevén que Galicia poderá medrar un 1,1% o ano que ven, unha décima por riba do estimado para España, manter un diferencial positivo de 4,5 puntos en taxa de paro respecto ao Estado e que non baixen por primeira vez na lexislatura os investimentos orzamentarios.

 

O Goberno galego non abandona os esforzos por controlar o gasto corrente e acumula un aforro de 753 millóns de euros no que vai de lexislatura, o equivalente ao 1,3% do PIB galego, gañando eficiencias na xestión. Igualmente, unha xestión eficiente na Función Pública permite reducir o déficit estrutural sen afectar á calidade dos servizos, cun aforro estimado para a lexislatura de 300 millóns de euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar