Agasallo de libros en Lugo

Día Internacional das Bibliotecas

A Biblioteca Pública Nodal de Lugo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, será a próxima semana o escenario para a realización dun amplo programa de actividades co gallo do Día Internacional das Bibliotecas, que se celebra o próximo luns día 24.

Para conmemorar esta data, o mesmo día 24, todos os usuarios da Biblioteca Nodal de Lugo que leven consumidos o máximo de préstamos que permite o seu carné recibirán como regalo un libro. Así mesmo, todas aquelas persoas que formalicen a súa inscrición como socios o día 24 tamén serán obsequiadas cun volume bibliográfico.

O programa de actividades disposto con motivo desta data conmemorativa estenderase durante toda a próxima semana. Así, o propio luns será inaugurada unha exposición sobre a historia do libro na que se recolle unha escolma de pezas, documentais e efemérides sinaladas na evolución da cultura literaria ao longo dos últimos séculos.

Os días 25 e 26, na Biblioteca Nodal de Lugo terán lugar senllos cursos de alfabetización dixital que xirarán en torno a temas relacionados coas redes sociais. Os participantes nestes talleres poderán traballar sobre este ámbito tan de actualidade, familiarizándose cos distintos portais e coñecendo as posibilidades e peculiaridades que presentan.

Xa na xornada do xoves 27, terá lugar na sala de actos da biblioteca unha charla-coloquio sobre a novela Me llamo Rojo, unha das obras fundamentais da traxectoria do escritor turco Orhan Pamuk, galardoado co Premio Nobel de Literatura do ano 2006.

Por último, o venres 28, desenvolverase unha actividade de animación a lectura orientada a nenos de 5 a 12 anos e que será de participación aberta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar