Por unha linguaxe non discriminatoria para os discapacitados

O secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, instou hoxe aos medios de comunicación a prestar atención ao “tratamento informativo, ás pautas de estilo e á linguaxe que empregamos” sobre a discapacidade, posto que, debido ao seu impacto social, poden ser “efectivos instrumentos da conciencia colectiva necesaria para lograr a integración social e laboral”.

Debate entre xornalistas e discapacitados

Cabaleiro expresouse así durante a inauguración esta mañá da xornada sobre O tratamento da discapacidade nos medios de comunicación, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración do Comité de Entidades Representantes de persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI-Galicia), e apuntou que esta actividade se insire no Plan de acción integral para as persoas con discapacidade Galicia 2010-2013.

Na súa intervención, o secretario xeral de Medios, que estivo acompañado do presidente de CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, insistiu na necesidade de que os profesionais da comunicación realicen “un serio esforzo de formación e actualización continuas”, así como de que se produza “un recoñecemento desa necesidade por quen exerce labores directivos nas empresas”.

Guía de Boas Prácticas para promover unha cultura de compromiso
Nese sentido, destacou que o departamento que dirixe está a dar pasos importantes relacionados coa discapacidade, como a elaboración, en colaboración con CERMI Galicia da Guía de Boas Prácticas que hoxe se entregou aos participantes na xornada e que forma parte das iniciativas do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade. Esta Guía, editada tamén en formato de lectura doada e en braille, pretende, dixo Cabaleiro, “promover unha cultura xornalística de compromiso coa discapacidade”.

Ademais, avanzou que a Secretaría Xeral de Medios está a estudar a posibilidade de organizar unha xornada formativa e monográfica sobre lectura doada, “para que os profesionais poidan utilizala nos distintos medios de comunicación e así facer accesibles os medios a persoas con dificultades”.

Cabaleiro anunciou que os convenios que asine a Secretaría Xeral de Medios coas distintas empresas de información incluirán unha cláusula que recolla o compromiso dos mesmos de que “paulatinamente vai adquirindo compromisos de facer o seu medio accesible a todas as persoas”.

Cidadáns con dereitos
Pola súa banda, a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, indicou que esta guía de boas prácticas dirixida aos medios de comunicación é unha ferramenta “moi útil”, xa que explicou que a súa finalidade é que “se logre sensibilizar á sociedade de que as persoas con discapacidade son cidadáns con dereitos”.

Piñeiro incidiu en que esta publicación forma parte do Plan de Acción para Persoas con Discapacidade de Galicia, un documento “transversal”, xa que lembrou que implicou a toda a Xunta, a entes públicos, ás universidades e a entidades sociais tanto na súa elaboración como na posta en marcha das súas medidas. Destacou, que, polo tanto, “se trata dun “importante reto de coordinación e participación”. Ademais, sinalou que este instrumento está sometido tamén ao seguimento do Diálogo Social.

As medidas do Plan articúlanse en torno a 10 eixos: protección dos dereitos; igualdade de xénero e transversalidade; accesibilidade; promoción da autonomía persoal; educación; formación e emprego; recursos no ámbito dos servizos sociais; saúde e atención sociosanitaria; atención temperá; cultura, deporte e tempo de lecer.

Na xornada de hoxe pronunciou unha conferencia o xornalista Juan Antonio Ledesma, presidente da Comisión Social da Discapacidade e Medios de Comunicación do CERMI estatal, e o acto foi conducido pola presentadora da TVG Irene Lamas.

Decálogo para un uso apropiado da imaxe social das persoas con discapacidade
Na súa intervención, José Antonio Ledesma, desglosou un decálogo que, ao seu xuízo debe rexer o tratamento informativo das mensaxes relacionadas coa discapacidade. Nese sentido, instou procurar reflectir as persoas con discapacidade coa súa capacidade, “sen deixar que a discapacidade sexa un feito absoluto que negue a capacidade do individuo”.

Así mesmo, Ledesma incidiu na importancia da linguaxe, e indicou que existe un amplo consenso actual para usar os termos discapacidade e persoas con discapacidade, como fórmulas que non estigmatizan nin prexulgan un menor valor. Ademais, destacou que cómpre diferenciar o valor da persoa das súas circunstancias, ser rigorosos e non dar por sentado que todas as discapacidades son iguais e animou a traballar por superar as barreras no acceso aos medios de comunicación que fan imposible a igualdade efectiva.[jwplayer mediaid=»10094″]

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar