“Escoba” unha ‘galecom’ para a TVG, ródase na USC

A serie reúne por primeira vez a “cinco grandes cómicas” como protagonistas de historias que se desenvolven nun centro social

   A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolle desde o pasado 17 de outubro e ata o 16 de novembro a rodaxe de ‘Escoba!’, unha ‘sit-com’ de 20 capítulos duns 25 minutos de duración, bautizada como “galecom” polas súas características “galegas”. Televisión de Galicia (TVG) emitiraa en horario de máxima audiencia.

Baixo a dirección de Mariana Carballal, responsable tamén da idea orixinal, ‘Escoba!’ desenvólvese nun centro sociocultural “de calquera cidade de Galicia” ao que cinco mulleres acoden para pór sobre a mesa “algo máis que cartas”. Así, en clave de comedia, o xogo será o pretexto para “varrer” das súas vidas os temas que máis lles molestan, como a soidade, a intolerancia ou o medo á vellez.

   Así o explicou Mariana Carballal este venres na presentación deste proxecto de ‘Ficción Producións’ para TVG, que conta cun elenco “de luxo”. Dorotea Bárcenas, Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado e Mela Casal desempeñan os papeis principais dunha serie que “por primeira vez estará protagonizada por grandes cómicas galegas”, subliñou Carballal.

   “Gústame dar unha volta á vida para ver se se lle pode sacar un sorriso”, sinalou a directora da ‘sit-com’, á que denominaron “galecom” por contar con “elementos propios da dinámica do entretemento galego”, baseados sobre todo na “proximidade” dos personaxes e no humor “con retranca”.

   Ernesto Chao, Yolanda Muíños e Josito Porto completan o cartel desta “aposta” da TVG por unha produción que, segundo asegurou, “vai ser outro éxito”. Neste sentido, explicou que “os tempos cambiaron” tamén en canto a series e que o formato “de baixo custo”, que a televisión autonómica xa explota na actualidade, “funciona moi ben”.

COLABORACIÓN COA USC

   Ademais, no novo proxecto destaca a participación da USC,  que mostrou a súa “satisfacción” por poder “colaborar co mundo empresarial” e valorou a “oportunidade” que se ofrece aos seus alumnos de participar na súa posta en marcha. Pola súa banda, TVG e Ficción Producións agradeceron a “colaboración activa” da institución universitaria e eloxiaron a “excelente formación” dos alumnos.

   Así as cousas, do estudo de cinema da Facultade de Ciencias da Comunicación sairá esta “galecom” que terá o tema ‘Se eu tivese unha escoba’ como música de cabeceira. Todos os presentes confiaron en que o “inmellorables” guión, formato e elenco “inmellorables” fagan da serie “un éxito”. “Se sae mal, a culpa é miña”, chanceou Carballal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar