Dous de cada dez nenos galegos, en risco de ciberdependencia

Máis da metade conéctase á Rede sen control paterno

El Valedor do Pobo, Benigno López, recomenda implicación dos proxenitores e poderes públicos e detectar e estudar as psicopatologías online

Case dous de cada dez nenos (18,7%) galegos presentan un risco elevado de ter ciberdependencia e o 5,9 por cento rexistra “claros indicios” de estar nesa situación. Ademais, máis da metade dos adolescentes galegos navegan por Internet sen control dos seus pais (52,8%) e o 80 por cento asegura que nunca discutiu polo uso da Rede cos seus proxenitores.

Estes son algúns dos datos que se desprenden do informe extraordinario ‘Adolescentes e Internet en Galicia’, elaborado polo Valedor do Pobo, e que ofrece por primeira vez en Galicia datos sobre os hábitos dos adolescentes galegos con internet. O documento foi entregado este mércores á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e pola súa característica de extraordinario, non ten que ser tramitado, salvo que así o requira o Parlamento.

Así, no informe presentado en rolda de prensa polo titular da institución, Benigno López, manifestou que “saltan as alarmas” polo escaso control dos pais sobre o uso da Rede que realizan os seus fillos. De feito, nas recomendacións que realiza ao final do estudo, o Valedor recomenda que o computador estea en zonas comúns da vivenda, tendo en conta que máis da metade dos nenos enquisados téñeno no seu cuarto.

Tamén por mor deste dato, e do feito de que o 80 por cento nunca ou case nunca discutisen en casa por culpa de internet, o alto comisionado asegura que é “conveniente” que os pais “controlen horarios de conexión e tempo”.

“Non interesa que os nenos acendan o computador máis aló do dez da noite”, advirte. De feito, un 40 por cento dos nenos navega entre as 21 horas e a medianoite, e mesmo o 5,8 por cento continúa durante a madrugada.

CIBERDEPENDENCIA

Un dos datos máis reveladores da relación dos dependentes e Internet presentados polo valedor, segundo comentou, é en materia de dependencia da Rede, xa que esta enquisa, que contou co apoio da Consellería de Educación e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é pioneira en canto a indicadores propios de Galicia sen ser extrapolados doutras comunidades.

Así, en referencia a usos “perigosos” que afectan os mozos, López remarcou que do estudo despréndese que polo menos o 20,9 por cento dos adolescentes recoñece que algunhas das páxinas que visita habitualmente non son adecuadas á súa idade, un 40,9 por cento sobe fotos ao Facebook ou Tuenti, e un 64,7 por cento adoita baixar música, vídeos, ou imaxes de Internet.

Os patróns que marcan unha puntuación elevada na escala de dependencia responden a unha persoa que se conecta á Rede practicamente todos os días, máis de dúas horas e a partir das 21.00 horas. A maioría ten conexión no seu cuarto, utilizan o ‘messenger’ con regularidade e o 30 por cento usa a cámara web.

Ademais, o 72,4 por cento está rexistrado en dous ou máis redes sociais –maioritariamente Tuenti e Facebook–, case a metade asegura non ter control de ningún tipo por parte dos seus pais e nunca tiveron discusións polo uso da Rede.

A iso, hai que sumar que estes adolescentes consideran que o seu nivel de información é moi alto ou alto, adoitan ser autodidactas e acoden en maior medida que o resto de amigos para informarse sobre temas relacionados. Hai máis dependencia entre as mulleres (37,2% fronte a 35,5%) e hai máis risco de dependencia tamén nas nenas (27,2% fronte a 22%).

En canto aos usos, os nenos recoñecen en maior medida que entran en páxinas pouco apropiadas para a súa idade, mentres que elas admiten subir fotos ás redes sociais en maior medida.

O estudo indica que os alumnos de colexios privados ou concertados son os que utilizan en máis o móbil, conexión wifi e a súa propia casa, algo que o Valedor do Pobo atribúe ao nivel económico. Ademais, existe un maior uso nas provincias de Pontevedra e A Coruña que no interior, e a brecha entre as zonas urbanas e o rural é patente.

RECOMENDACIÓNS SOBRE DEPENDENCIA

“Resulta imprescindible o esforzo dos pais para lograr unha adecuada cultura e socialización dixital, mellorando o seu nivel de información sobre internet e os diferentes usos que se poden facer”, manifestou o Valedor, quen recoñece que a diferenza xeracional pode ocasionar dificultades.

Por iso, apela aos poderes públicos a levar a cabo campañas de sensibilización e formación, dirixidas a menores e ás familias e educadores, para a promoción dun uso e consumo “responsable” de Internet.

Do mesmo xeito, chama tamén á implicación nesta tarefa aos centros educativos que, segundo manifestou, “máis aló das tradicionais clases de informática, deben establecer nos propios currículos unha formación integral” sobre a Rede, favorecendo un “uso saudable”.

Neste sentido, expuxo a necesidade de levar a cabo unha detección precoz das dependencias e de estudar as novas psicopatologías online no ámbito dos servizos da saúde, xa que, ao seu xuízo, son “tarefas p endientes” neste momento.

MOSTRA DO ESTUDO

Para realizar este estudo, tomouse unha mostra de 2.339 persoas do universo de 89.000 mozos que cursan estudos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) en centros galegos durante o mes de novembro de 2010.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar