Castellanos eloxia a Paredes, que reduce de novo a indemnización

O consello de administración de NCG Banco foi informado hoxe da renuncia voluntaria do ex director xeneral adxunto, Javier García de Paredes, á maior parte da súa indemnización, así como de que se manteñen abertas conversacións para lograr acordos similares co resto de ex directivos de Novacaixagalicia.

O presidente de NCG Banco, José María Castellano, explicou ao consello que o ex director xeneral adxunto de Novacaixagalicia, Javier García de Paredes, acordou reducir de novo a contía total que se establecía no seu contrato tras a súa saída do banco, o que supón unha renuncia ao cobro da maior parte da súa liquidación. Javier García de Paredes achega a cantidade á que renuncia ao proxecto de NCG Banco e Novacaixagalicia.

Castellano eloxiou “o compromiso, a actitude e o sentido ético de Javier García de Paredes, aceptando mesmo non facer oficial nin pública a súa renuncia durante varios días para manter a discreción das conversacións”. Castellano subliña que o ex número dous de Novacaixagalicia “demostrou en todo momento a súa preocupación por axudar a evitar o dano na imaxe da entidade que causou a divulgación pública dos contratos dos directivos”. Javier García de Paredes y Moro, ex director xeral adxunto executivo de Novacaixagalicia desde abril de 2010 ata a súa marcha en setembro, incorporouse en 1999 a Caixa Galicia como director adxunto de Relacións Xurídicas, entidade na que ascendeu ata o posto de director xeneral adxunto executivo primeiro. 

 José María Castellano asegura que aínda que a liquidación do contrato do ex director xeneral adxunto seguira “os trámites adecuados, as cifras finais non resultaban aceptables no actual contexto económico. Javier García de Paredes coincidía con esta valoración e procedeu en consecuencia”. Castellano espera que, polo ben do proxecto, dos seus empregados e clientes, o exemplo renda e os demais ex directivos tamén renuncien a unha gran parte das cantidades recibidas como indemnización. “A nosa intención é a de resolver este asunto canto antes para poder concentrarnos todos no futuro que, a pesar das dificultades, exponse ilusionante”.

Doutra banda, o consello de administración de NCG Banco incorporou a tres novos profesionais con experiencia no sector  financeiro, que representan ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) na entidade. Trátase de José Antonio Portugal, José Borrue e Joaquim Saurina. O consello de administración queda integrado polas seguintes persoas: José María Castellano (presidente executivo); César González-Bueno (conselleiro delegado); Roberto Tojeiro, Xabier Alkorta, Jaime Trebolle, José Manuel Gabeiras e Carlos González, como conselleiros independentes; José Antonio Portugal, José Borrue e Joaquim Saurina, como representantes do FROB; e Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso como conselleiros dominicais.

Pola sua parte, o  presidente da Fundación Novacaixagalicia, José Luis Méndez López, comunicou a NCG Banco que o seu proceso de xubilación se axustou á normativa legal correspondente e ás regras de bo goberno corporativo e que no momento da súa xubilación, en setembro de 2010, renunciou de maneira voluntaria ás indemnizacións inherentes ao seu contrato de alta dirección. Ante a nova situación pola creación de NCG Banco, Méndez  puxo a disposición do seu presidente os postos de representación que ocupa nas sociedades participadas polo banco.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar