Auga para cen días


A Xunta de Galicia, a través do presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, sinala que a capacidade media de reserva dos grandes sistemas de abastecemento galegos está no entorno dos 100 días, polo que non ser prevé declarar a situación de emerxencia por falta de abastecemento. Así o puxo de manifestou na primeira reunión ca Comisión Autonómica de Seguimento da Seca, na que estivo acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e á que foron convocados representantes da Delegación do Goberno, da Federación Galega d Municipios e Provincias (Fegamp), da Confederación Hidrográfica do Miño- Sil e das Consellerías de Presidencia; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; Medio Rural; Economía e Industria; e Sanidade, co fin de de facer un seguimento coordinado das reservas de auga na Comunidade e desenvolver as actuacións que sexan necesarias para a mellor aplicación e distribución de recursos posible.

Francisco Menéndez, presidente de Augas de Galicia

Segundo explicou o presidente de Augas, a situación dos encoro galegos, é a seguinte con respecto aos seu volume aproveitable:

Eiras (Vigo), que está ao 47,7 %, conta con reserva ata o 20 de xaneiro (99 días).
Zamáns (Vigo, subministro a Nigrán e Baiona), que está ao 37,38 %, conta con reserva ata o 4 xaneiro (84 días).
Cecebre (A Coruña), que está ao 50,15 %, conta con reserva ata o 7 de febreiro (117 días).
Forcadas (Ferrol), que está ao 69,51 %, conta con reserva ata o 14 de marzo (153 días).
A Baxe (Salnés), que está ao 62,08 %, ten o seu nivel estabilizado.

O presidente de Augas insistiu en que non hai ningún sistema de abastecemento regulado que acade ningún dos niveis de alerta que se recollen no Plan especial de actuación contra a seca. Non obstante, a Xunta reitera que a situación é de preocupación, pero non de alarma. Nese senso, a comisión busca activar a coordinación de todas as Administracións implicadas no subministro de auga potable e garantir as súas condicións sanitarias.

A reunión desta mañá celebrouse para dar conta ás administracións, e a cidadanía en xeral, da situación especial que se está a producir nos sistemas de abastecemento con información precisa, ao que aclarou que “non se constitúe como unha comisión de emerxencia”, senón como un encontro de traballo para trasladar toda a información e definir as primeiras medidas, no caso de ser necesarias. Menéndez recordou que a Consellería de Medio Ambiente mantivo dende o mes de maio unha permanente vixilancia e colaboración estreita cos concellos para asesoralos na toma de solucións, así como o establecemento de medidas de urxencia, no caso de ser necesarias.

O presidente de Augas de Galicia sinalou que a Xunta mantén unha especial atención á situación e aos caudais dos ríos, co fin de activar as mediadas que permitan garantir o abastecemento á poboación que toma a augas directamente deles. Recoñeceu que existen lugares nos que se están a aplicar restricións de auga que son pequenos sistemas de abastecemento, comunidades de usuarios e traídas particulares. Avanzou que a semana próxima reuniranse as Comisións provinciais para abordar esta situación en cada un dos concellos, encontros que facilitarán unha fotofixa da situación e das medidas coordinadas que sexan necesarias establecer.

Unha das prioridades do Goberno galego é garantir o abastecemento á poboación, polo que se combinarán os diferentes usos, pero garantindo o abastecemento aos cidadáns. A gravidade da situación graduaríase segundo os días de reserva do recurso en cada sistema de abastecemento, cunha alerta de 1º grado, cando as reservas foran para 40 días; de 2º grao, con reservas para 15 días; e de 3º grao ou vermella, con reservas para 5 días.

Nove meses sen chuvias
Francisco Menéndez explicou que o tempo rexistrado nos últimos nove meses estivo caracterizado por presentarse seco e moi seco na maioría da Comunidade galega. De feito, un informe presentado por MeteoGalicia revela que o período comprendido entre marzo e outubro deste ano foron os nove meses máis secos, dende que se rexistran os datos climatolóxicos, agás o ano 1990 onde se contabilizaron valores similares aos actuais. Na actualidade, a precipitación acumulada rexistrada elévase a 274 litros/m2 e no 1990 situouse nos 255 L/m2. (A media de precipitación do período 1960 e 2011 é de 535 L/m2).

Reiterou que esta situación xa ten o seu antecedente na primavera deste mesmo ano, que foi a máis seca dos últimos 50 anos, unha tendencia que continuou no verán, período caracterizado pola ausencia de precipitacións, onde só destacaron as fortes choivas que afectaron ás Rías Baixas, onde en menos dunha hora se rexistraron máis precipitacións na madrugada do 21 ao 22 de agosto, que en todo o que se levaba da estación estival en localidades como Vigo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar