Vendima das Rias Baixas: record en cantidade e calidade

   O Consello Regulador da  Denominación de Orixe Rías Baixas dá por concluída oficialmente a campaña de vendima 2011 esta semana, tras prolongarse durante máis dun mes. Trátase da colleita máis elevada da historia con máis de 41 millóns de quilos de uva recollidos nas 3.966 hectáreas, segundo os datos achegados polo Órgano de Control e Certificación do Consello.

   En concreto, a colleita supuxo a recollida dun total de 41.787.783 quilos de uva. “O resultado da mesma cubriu as expectativas que se barallaban ao comezo da colleita, tanto en calidade como de cantidade”, subliña o consello regulador nun comunicado.

   Os traballos de recollida presentábanse este ano adiantados, debido ás boas condicións climatolóxicas. Unha primavera moi cálida e seca con temperaturas elevadas permitiu “unha magnífica floración e callado do froito”, explica. Estes feitos tradúcense nun índice de fertilidade “moi elevado”, como mostran os datos de campaña.

   O Órgano de Certificación e Control destacou que as boas condicións meteorolóxicas durante o período de vendima permitiron que esta puidese dilatarse no tempo todo o necesario, posto que todos os labores realízanse a man nesta denominación, e que transcorrese de forma selectiva e ordenada, rexistrando a uva “un excelente estado fitosanitario” na súa entrada a adega, nas que se detectaron un bo grao alcohólico e unha acidez equilibrada.

   Desta forma, os 6.618 viticultores participantes na vendima puideron esperar o tempo necesario ata alcanzar a maduración “óptima” de cada parcela, buscando o momento idóneo, tanto desde o punto de vista vexetativo como sanitario, para a recollida do froito, cuxa abundancia permitiu que as 179 adegas esgotasen a súa capacidade de almacenaxe.

   “A profesionalización dos traballos do viñedo é fundamental para o resultado final dos viños en Rías Baixas, por iso, tanto adegas como viticultores están asesorados en todo momento polos técnicos de campo das diferentes empresas, por consultoras especializadas ou, mesmo polo departamento técnico deste Consello Regulador”, engadiu o xefe do Órgano de Certificación e Control, Agustín Lago.

CONTROL DO MÁXIMO DE UVA POR HECTÁREA

   Os 76 técnicos habilitados como veedores pola Consellería do Medio Rural, xunto a outro cinco veedores pertencentes ao Órgano de Control e Certificación, foron os encargados de supervisar a entrada de uva nas adegas, os transportes de uva ou mosto entre subzonas e a vendima en leiras.

   Este total de 81 veedores controlaron nas adegas o peso das uvas, “garantindo que o rendemento de produción máxima de uva por hectárea non exceda do establecido polo Consello Regulador”, sinala o organismo.

   Para iso, apunta, “fíxose imprescindible o cartón de viticultor inscrito persoal e intransferible, expedida polo propio Consello Regulador, onde se inclúen os datos do propietario, así como a cantidade de uva que pode vender por cada variedade”.

   O uso deste cartón foi o único medio aceptado polas adegas para poder admitir uva destinada a elaborar viño con Denominación de Orixe Rías Baixas e serviu como documento acreditativo de transporte, no caso de que nalgún control a garda civil solicite a guía ou acta de transporte de uva.

SALNÉS, A SUBZONA CON MÁIS RECOLLIDA

   Como vén sendo habitual, a campaña nesta denominación de orixe estivo protagonizada polas variedades autóctonas, sendo o albariño a maioritaria.

   Así, o albariño foi a de maior produción, con 40.053.733 quilos de uva, o que representa o 95,85% de toda a produción total. Séguenlle a loureira e a treixadura, con 488.920 e 488.103 quilos respectivamente, en variedades brancas.

   En canto ás variedades tintas, a presente vendima supuxo a recollida dun total de 333.257 quilos de uva, que representan un 0,79% da produción total, sendo a variedade sousón a de maior produción.

   Por subzonas, a maior cantidade de uva vinificada obtívose, un ano máis, no Salnés, con 27.783.730 quilos, seguido por Condado, con 8.351.613 quilos; O Rosal, con 5.050.329 quilos; Ribeira do Ulla, con 578.056 quilos e Soutomaior, con 24.055 quilos.

   O presidente do Consello Regulador, José Ramón Meiriño, sinala que “cos datos nestes momentos pódese afirmar que é unha gran colleita”. “Polo que seguiremos traballando desde este Consello Regulador para abrir novos mercados para os nosos viños”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar