Lixeiro aumento de usuarios do autobús urbano

■O transporte urbano por autobús aumenta un 1% en agosto en Galicia e acumula un incremento do 1,7% no que vai de ano
■Case todas os CC.AA. rexistran taxas positivas, coa excepción de Aragón (-3,5%), Madrid (-2,8%) e Andalucía e Asturias (-1,3%)

   O número de usuarios do transporte urbano por autobús aumentou un 1% en Galicia en agosto en relación co mesmo mes de 2010, e acumula un incremento do 1,7% no que vai de ano, segundo publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

No conxunto estatal, o transporte urbano por autobús diminuíu un 0,1% en taxa interanual, con máis de 105,5 millóns de usuarios en agosto.

   Case todas as comunidades autónomas rexistraron taxas interanuais positivas, coa excepción de Aragón (-3,5%), Madrid (-2,8%) e Andalucía e Asturias (-1,3% en ambos os casos). Os maiores aumentos rexistráronse en País Vasco ( 3,7%) e Cataluña ( 3,4%).

   Por outra banda, o número de viaxeiros que optaron polo avión para os seus desprazamentos polo interior do país baixou un 0,3% o pasado mes de agosto en relación a igual mes de 2010, mentres que os que optaron polo tren subiron un 3,7% e os de autobús descenderon un 0,2%.

   No caso do transporte en tren destaca o aumento interanual do 23,7% dos trens de media distancia, mentres que os de longa distancia, nos que se inclúen os servizos de Alta Velocidade (AVE), subiron un 0,2% e os de proximidade aumentaron un 2,5%.

IMPACTO DAS JMJ

   O transporte público (urbano, interurbano e especial e discrecional) foi utilizado en agosto por máis de 294,1 millóns de pasaxeiros, un 3,2% máis que no mesmo mes do ano pasado. Hai que ter en conta que en agosto se celebraron en Madrid as Xornadas Mundiais da Mocidade (JMJ), o que contribuíu ao crecemento dos usuarios do transporte público.

   No oito primeiros meses, o número medio do total de viaxeiros creceu un 0,5% respecto ao mesmo período do ano anterior. Por tipo de transporte, todos os modos presentaron taxas medias positivas neste período, a excepción do transporte especial e discrecional, que baixou un 3,2%.

   O transporte urbano foi utilizado por máis de 180,1 millóns de viaxeiros o pasado mes de agosto, o que supón un 4,5% máis que no mesmo mes do ano anterior, mentres que o transporte interurbano foi utilizado por 93,7 millóns de pasaxeiros, un 1,3% máis. Por último case 20,26 millóns de viaxeiros usaron o transporte especial e discrecional, un 1% máis.

   Dentro do transporte interurbano, o ferrocarril e o transporte marítimo subiron un 3,7% e un 0,5%, respectivamente. Pola contra, o transporte aéreo e por autobús experimentaron descensos do 0,3% e 0,2%, respectivamente.

   En canto ao transporte urbano, o número de usuarios do transporte metropolitano subiu un 11,8% en taxa interanual, ata os 74,5 millóns de viaxeiros. O metro de Madrid disparou un 18,6% o seu número de usuarios, grazas aos peregrinos da JMJ, aínda que tamén houbo repuntes no resto de metropolitanos de España, salvo o de Palma, que reduciu un 0,8% os seus viaxeiros.

   En concreto, os metros de Sevilla, Barcelona, Bilbao e Valencia, rexistraron subidas do 9,9%, do 5,7%, do 4,5% e do 0,4, respectivamente, no seu volume de usuarios durante o mes de agosto.

   Finalmente, os datos do organismo estatístico mostran que máis de 20,2 millóns de usuarios utilizaron o transporte especial e discrecional en agosto, o que supón un aumento do 1% en taxa interanual.

   Os pasaxeiros de transporte especial reducíronse un 3,6%, situándose en máis de 6,1 millóns. Dentro deste, o escolar descendeu un 3,1% e o laboral, un 3,6%. Pola súa banda, o transporte discrecional incrementouse un 3,1% respecto ao mesmo mes do ano anterior, superando os 14 millóns de viaxeiros

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar