Posible transvasamento de auga para Vigo

  •  A Xunta ofrece colaboración a Vigo para reforzar o sistema de abastecemento “cumprindo coas garantías ambientais” 

   A Xunta de Galicia colaborará co Concello na procura de solucións para o abastecemento de auga da cidade “sempre que se cumpra coas garantías ambientais das actuacións que sexan necesarias e que se poidan levar a cabo” e, segundo explicou, está a valorar a posibilidade de captar auga na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén para levala despois ata a condución da ETAP de Casal.

A presa de Eiras, en Fornelos

O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, reuníronse cos alcaldes de Soutomaior, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes e co segundo tenente de alcalde vigués e o concelleiro de Fomento desta cidade para analizar as propostas de actuacións que se poderían levar a cabo co obxectivo de reforzar o sistema de abastecemento de Vigo.

   O obxectivo é poder executar “unha obra con rigor e garantías ambientais” para que a medio e longo prazo exista unha alternativa ao abastecemento do sistema en casos puntuais de seca.

    Neste contexto, os representantes da Administración autonómica trasladaron aos representantes municipais que a proposta de transvasamento augas arriba desde o río Verdugo ao Oitavén que o Concello formulou na última reunión –celebrada en agosto– é “inviable por non achegar auga suficiente” en momentos de seca.

   Así, a Xunta está a valorar a solución que xa recolle o Plan Auga, e que expón captar auga nun punto situado na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén, no comezo da desembocadura, para levar despois a auga ata a condución da ETAP de Casal, na cidade olívica.

AZUD

   A captación, segundo explica a Administración autonómica, sería “de tipo fluyente” e executaríase mediante a construción dun azud, unha formulación que Augas de Galicia considera unha “solución viable que ofrece garantías razoables desde o punto de vista do recurso potencialmente aproveitable” pero debendo asegurar que non xere un impacto que non se poida asumir.

   Por outra banda, sobre a situación dos encoros, a Xunta indica ademais que as presas de Eiras e Zamáns “contan con reservas e teñen neste momento auga suficiente para garantir o abastecemento ata xaneiro de 2012. Con todo, a Xunta considera necesario establecer medidas de aforro para evitar gastos innecesarios do recurso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar