A Coruña contará co carril bici máis longo de Europa

  •     O proxecto engloba a cinco concellos limítrofes
  •     Actualmente existen 28 quilómetros de vías na área metropolitana
  •     5.000 persoas utilizaron o servizo de préstamo en dous anos

É desde 2006 unha infraestrutura pendente e desexada por moitos usuarios pero que non se chegou a culminar. O carril bici da Coruña adquire agora unha dimensión metropolitana grazas a un proxecto que englobará polo menos cinco concellos e que permitirá crear o carril bici máis longo de Europa con 45 quilómetros transitables.

O presidente da Deputación, Diego Calvo, anunciou este martes xunto ao alcalde herculino, Carlos Negreira, que no prazo de dous meses presentarase o proxecto definitivo do que se acometeu unha primeira fase. Trátase da radiografía do estado dos carrís nos concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros.

Unha vez analizados e identificados os puntos de unión de cada un destes lugares comezarase a redactar un proxecto para salvar os tramos inconexos, algúns tan complicados como a zona da Ponte da Pasaxe. Finalizado o estudo de viabilidade realizarase unha toma de contacto coas administracións implicadas, local e estatal, para comezar a traballar. Aínda que esta obra podería alcanzar un custo de 1,5 millóns de euros, de momento desde a Deputación descartan ofrecer unha cifra de investimento concreto pero asumen que parte da mesma poida ser financiada con fondos europeos.

Actualmente existen 28 quilómetros de carril bici en toda a área metropolitana, e habería que facer nove adicionais para unilos todos, e outro nove máis na costa de Arteixo para chegar ao Porto Exterior. Para Negreira, en cuxo programa electoral figuraba esta promesa, o obxectivo é conseguir “un carril unificado e homoxéneo e actuar en común”. O alcalde tamén propuxera, antes das pasadas eleccións municipais, ofertar servizos para o aluguer de bicicletas, podendo collelas e deixalas en calquera concello utilizando un cartón único.

Catro anos de atrasos e un carril incompleto

A historia do carril bici na cidade da Coruña remóntase a 2006 cando o Concello pactou coa Demarcación de Costas -dependente do Ministerio de Medio Ambiente- a ampliación do carril entre o Acuario e o obelisco Millennium, rodeando a península coruñesa. Dous anos despois, o por entón alcalde Javier Losada anuncia que o proxecto comezaría en breve xa que o Ministerio aínda non aprobara a súa execución.

Con todo en agosto de 2009 a ampliación xa se databa para 2010 con catro anos de atraso. Foi finalmente en marzo de 2011 cando se inaugurou a nova travesía de dous quilómetros de lonxitude cos tramos comprendidos entre o Millennium e as Escravas, e entre a Casa dos Peixes e a praia do Matadoiro.

Así as cousas, o paseo marítimo conta con case 13 quilómetros de carril bici pero non está completo, e o anterior goberno municipal descartou amplialo entre as praias de Riazor e Orzán debido ao ancho do paseo e á gran afluencia de xente neste tramo.

Usuarios en aumento

Para os centos de usuarios de bicicletas que viven na cidade da Coruña as medidas non son suficientes, aínda que valoran de forma positiva a intención de construír un carril bici metropolitano sempre que non estea compartido por peóns ou patinadores, “como sucede na actualidade e que ademais poden provocar accidentes”. Roberto Rilo, presidente do club de cicloturismo Riazor, propón que as bicicletas poidan usar a calzada e a estrada “como no resto de cidades europeas” e que para iso “se incida máis na educación viaria”.

Avoga tamén por unha mellor sinalización para bicicletas en estradas secundarias “como ocorre en País Vasco ou Cantabria”, máis aparcadoiros en centros de traballo “como en Suíza” e “sendo utópicos restrinxir o tráfico no centro urbano para dar máis espazo a ciclistas e peóns”. Aínda así, cre que A Coruña é unha cidade “boa” para os amantes da bicicleta, fronte a outras galegas como Vigo, que carecen de servizo de carril bici, aínda que con problemas de embotellamento que complican a circulación.

Os usuarios crecen a diario e o servizo de préstamo municipal de bicicletas, que o novo goberno do PP promete manter, ten actualmente 2.526 usuarios, 21% máis que o pasado ano, 18 bases operativas e desde o seu inicio en 2009, 5.000 persoas circularon nalgunha ocasión a dúas rodas grazas a esta iniciativa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar