Santiago acollerá a I Feira Internacional de Emprego, con máis de 100 ofertas

A I Feira Internacional de Emprego que acollerá Santiago de Compostela os días 3 e 4 de novembro xa dispón dun total de 112 ofertas de traballo publicadas, segundo explicou a Concellaría de Familia do Concello de Santiago.

   Empresas de todos os sectores de actividade laboral, como tecnoloxía, banca, formación, comunicación, seguros, comercio, servizos ou sanidade tomarán parte da Feira, na que polo momento confirmaron asistencia 21 empresas. Así mesmo, o número de ofertas de traballo presentadas por estas firmas ascende a 112.

   Ata o día 21 de outubro, 10 días antes de comezar a cita, os interesados en participar nos procesos de selección laboral poderán inscribirse na páxina web da Feira, achegando o seu currículo.

   O departamento de Emprego do Concello de Santiago preseleccionará entre os candidatos a aqueles que se axusten ao perfil de cada oferta, cun mínimo de tres candidatos por posto. Os seleccionados polas empresas participantes realizarán unha entrevista de traballo os días 3 e 4 de novembro. Ata o momento formalizaron a súa inscrición 714 persoas, das que 397 son mulleres e 317 homes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar