Lanzamento do primeiro nanosatétite galego

Foi desenvolvido con criterios esixidos pola Axencia Espacial Europea e abre unha nova liña de investigación

O XaTcobeo, o primeiro nanosatélite dunha universidade española -e o primeiro dunha universidade europea que se constrúe con estándares da Axencia Espacial Europea )ESA)–, será lanzado o próximo mes de xaneiro, e a súa posta en órbita permitirá desenvolver experimentos relacionados coa medición de radiacións e coas comunicacións.

   A Universidade de Vigo, en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa, desenvolveron este nanosatélite no últimos tres anos, e agora o proxecto atópase na súa fase final. Así, segundo precisou o investigador principal desta iniciativa, Fernando Augado, a próxima semana o XaTcobeo será trasladado ás dependencias da ESA en Holanda para a súa “integración final”.

   En novembro está previsto o seu traslado á Guayana Francesa, desde onde será lanzado, entre o 17 e o 20 de xaneiro, no voo inaugural de VEIGA, xunto con outros microsatélites. A partir de aí, o XaTcobeo, que requiriu un investimento de 1,2 millóns de euros, estará en órbita durante un tres meses a unha altura de entre 300 e 1.400 quilómetros. 

   Na investigación, configuración e preparación participaron cinco grupos de investigación das escolas de Enxeñaría de Telecomunicacións, Enxeñaría Industrial, e de Enxeñaría Informática, e máis de 60 alumnos, ademais dos investigadores do INTA. 

   O nanosatélite foi desenvolvido con criterios de calidade estándar esixidos pola Axencia Espacial Europea, e foi sometido a varios test “con niveis moi esixentes”, como as probas de vibración ou as de termovacío.

EXPERIMENTOS

   Segundo explicou Fernando Augado, este nanosatélite desenvolverá dous tipos de experimentos. Por unha banda, unha radio-software reconfigurable en voo, que permitirá adaptar o esquema de comunicacións entre o satélite e a estación de seguimento en terra –na facultade de Telecomunicacións do campus vigués–.

   Doutra banda, transportará un medidor para analizar o índice de radiación nos denominados aneis de Van Allen –unha zona que rodea a Terra a unha altura de entre 1.500 e 16.000 quilómetros, con partículas de alta enerxía, protones e electróns, atrapados polo campo magnético terrestre–. 

   Ademais destes experimentos, XaTcobeo realizará a validación dun novo mecanismo de despregamento de paneis solares, xa que é a primeira vez que se van a despregar paneis neste tipo de satélite de dimensións reducidas.

“APOSTA ESTRATÉXICA” 

   O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Matogueira, subliñou que este proxecto é unha mostra de “cooperación intelixente” entre diferentes áreas e organismos, e que se atopa dentro da liña de investigación do denominado “Vigo tecnolóxico”.

   Así mesmo, Matogueira sinalou que XaTcobeo responde a unha “aposta estratéxica de futuro” que abre as portas á internacionalización, á vez que destacou que se trata dun primeiro paso dentro de novas liñas de investigación na Universidade de Vigo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar