Facenda ve unha actuación maliciosa do FROB na fusión das caixas

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, acusou este luns ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) de «confundir interesadamente prezo e valor» en Novacaixagalicia e sostivo que «non foi a fusión –das caixas– o que fallou, senón a valoración».

Durante a súa comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento, Fernández Currás insistiu en que foi «un cambio normativo abrupto», propiciado polo decreto de reforzamento do sistema financeiro, o que fixo que o proxecto de unión das dúas caixas galegas quedara «rebentado».

Pola súa banda, os deputados do BNG mostraron pancartas, que colocaron nos seus escanos, coas inscricións: «Non ao saqueo de NCG. Feijóo culpable». O PSdeG reclamou á conselleira o seu apoio para a constitución dunha comisión de investigación no Parlamento galego sobre a xestión das caixas.

A responsable de Facenda censurou a «desvantaxe negociadora» en que se situou ás entidades financeiras pola «prema» para a recapitalización, que unida ao risco país creou «a treboada perfecta», e criticou o papel «valorador e comprador do FROB». Ao fío diso, preguntouse en que mercado dáse unha situación deste tipo.

«O Banco de España fixo unha mala foto que deu a valorar a tres auditoras independentes», reprochou, tras afirmar que «o guión estaba escrito desde o 24 de xaneiro», cando compareceu a ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, para anunciar os novos requisitos de capital. O regulador, continuou, «deseñou os alicerces dun proxecto que non é o real, é peor que o real».

Fernández Currás repasou o proceso de transformación das entidades financeiras galegas e indicou que o goberno bipartito coñecía os plans das dúas caixas (Caixa Galicia e Caixanova) para desenvolver operacións corporativas con entidades de fóra de Galicia «e non fixo nada». O peso, se se integraron en Bankia, sería do 1,4%; mentres que en Banca Cívica controlarían o 3,9%, apuntou a conselleira.

A entrada do novo equipo xestor en NCG Banco, capitaneado polo presidente executivo, José María Castelán, con «recoñecido prestixio internacional» fai que «o proxecto sexa viable», defendeu a titular de Facenda, quen mantivo que o proxecto pasa pola entrada, primeiro, de investidores privados, que permitirán reducir a esixencia do cociente de capital principal ao 8%, co que aumentará a porción da caixa e caerá a do FROB.

Posteriormente, a medio prazo, asegurou que os plans da entidade son facer unha Oferta Pública de Venda (OPV) –paso previo a unha saída a bolsa– para a saída da totalidade da participación do FROB e permitir que entren os pequenos aforradores galegos. Así, concluíu que «moitas comunidades quererían para si a NCG Banco».

Pola súa banda, a portavoz de Economía do PSdeG, María José Caride, criticou que Galicia pasou nun ano de ter dúas caixas e un banco mediano (o Banco Pastor) a «ter unha entidade bancarizada de futuro incerto e unha marca comercial». «As promesas de Núñez Feijóo foron un estrepitoso fracaso», afirmou.

Agora, defendeu Caride, a comisión de investigación sobre a xestión das caixas «é máis necesaria que nunca», polo que pediu á conselleira que a apoie, un punto sobre o que Fernández Currás non se pronunciou.

O portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, considerou que o resultado do proceso de reestruturación do sistema financeiro é «un fracaso» e que falar da posición do Goberno galego sobre NCG é «falar dunha impostura». Así mesmo, criticou o argumento dado pola Xunta de que a entidade se mantén coa súa sede en Galicia. A absorción do Pastor por parte do Popular, dixo, «fai ver que ter sede en Galicia moita garantía non é».

Ademais, Aymerich considerou que o PP é «artífice activo» do actual escenario, dado que as dúas únicas cuestións sobre as que Zapatero e Rajoy lograron acordos foron a reforma da constitución e a modificación da lei de caixas para «favorecer a privatización». «En todos os fitos normativos do proceso, o PP deu o seu apoio ao PSOE», denunciou.

Pola súa banda, o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, fixo referencia á petición dos socialistas de demandar a KPMG –encargada da auditoría que avalou a fusión de caixas– para asegurar que a acepta «se se inclúe ao gobernador do Banco de España na querela», dado que ao aprobar a operación considerou que proxecto viable «mesmo no peor escenario».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar