Comeza a operar a nova terminal de Lavacolla

   A nova terminal do aeroporto de Santiago comezará as súas operacións o vindeiro xoves, día 13, cun voo da compañía Iberia con destino Madrid.Segundo explicaron fontes de Aena, a primeira das operacións que rexistrará a recentemente estreada terminal de Lavacolla será un voo cara á capital española, que sairá ás 6.50 horas do xoves.
   A nova terminal de pasaxeiros de Lavacolla, na que o Ministerio de Fomento investiu 230 millóns de euros desde o inicio das obras –en 2009–, permitirá que o aeroporto manexe ata catro millóns de pasaxeiros anualmente e aumentará a capacidade operativa de 1.300 pasaxeiros por hora –nas horas punta–, ata os 2.500. Ademais, a superficie de Lavacolla triplicarase, pasando dun total de 23.000 metros cadrados a 74.000. Neste complexo intégrase o edificio procesador, o dique de embarque, un novo edificio de aparcadoiro, novos viarios e accesos, a ampliación da plataforma de estacionamento de aeronaves e a nova central eléctrica.
   Aínda que as operacións non comezarán ata este xoves, a torre de control da nova terminal empezou a operar xa o pasado 21 de setembro, co obxectivo de realizar diversos días de proba antes da entrada en funcionamento final.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar