O BNG lamenta a «total liquidación do sistema financeiro galego»

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que a «absorción» do Banco Pastor por parte do Banco Popular supón a «liquidación total do sistema financeiro galego» e a «perda de calquera autonomía financeira neste país». Para o dirixente nacionalista é «un día negro máis» e advertiu de que «Galicia cae absolutamente a anacos» coa política do PP e do PSOE.

   Vázquez, que participou en Pontevedra na repartición dun boletín coas propostas do seu partido con motivo das próximas eleccións do 20-N, explicou que este panorama «non é alleo ao resto do que acontece» no país».

   «Entregamos todos os sectores produtivos e como saída temos o paro desbocado, a emigración e a despoboación,» manifestou o voceiro nacional do Bloque.

   Guillerme Vázquez mostrouse partidario que, fronte á actual dirección dos acontecementos, «ou se corrixe, ou afróntase ou combátese contra ela» para evitar «a desaparición absoluta do noso país como tal». «Seguindo por esta vía seguro que non imos saír», insistiu, polo que o BNG se comprometeu a «poñer alternativas sobre a mesa para intentar saír adiante».

   «Socialmente non nos decatamos sobre qué barril de pólvora estamos instalados», advertiu. Así, comparou o enfoque político entre populares, socialistas e nacionalistas: «O BNG amamos Galicia, queremos vivir con dignidade na nosa terra e, coas políticas do PSOE e do PP o camiño é xusto ao contrario».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar