Galicia padece a prevalencia de glaucoma máis alta de toda España

Expertos en Oftalmoloxía reuníronse en Ferrol para compartir os últimos avances en relación co glaucoma, unha patoloxía cunha alta incidencia que, en Galicia, é a máis alta de España, debido á existencia dun glaucoma relacionado coa síndrome da pseudoexfoliación, que é xenético e que se concentra en determinadas áreas xeográficas como Finlandia, zonas de Australia, de África e nalgunhas tribos indias americanas.

O glaucoma é unha enfermidade ocular que destrúe gradualmente o nervio óptico e é a segunda causa da cegueira no mundo e afecta ao 2% da poboación de máis de 50 anos, en Galicia pode chegar ao 3% ou ao 4%. Máis da metade das persoas que padecen esta enfermidade, que non presenta síntomas, non están diagnósticadas e o peor disto é que os danos no nervio óptico son irreversibles.

   No encontro celebrado no Hospital Naval en Ferrol, segundo informou a área sanitaria ferrolá, abordáronse os diferentes tratamentos e cirurxías que existen para frear a progresión da enfermidade unha vez detectada. Ademais, revisáronse os diferentes fármacos que existen, tanto para baixar a tensión ocular, que é a responsable da maior parte dos casos, como para protexer o nervio óptico.

   Na Xerencia Integrada de Ferrol, segundo lembraron as mesmas fontes, existe unha consulta específica para esta patoloxía ocular, na que se atenden entre 80 e 100 pacientes á semana; e realízanse campos visuais diariamente, que son as ferramentas para o diagnóstico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar