‘Réquiem’ de Mozart, nas catedrais galegas

A ‘Misa de Réquiem en Re menor’ de Wolfgang Amadeus Mozart será interpretada pola Orquestra e o coro ‘Gaos’ entre este sábado 8 e o día 16 de outubro, dentro do ‘Ciclo de concertos nas catedrais galegas’. O seu obxectivo é, no Ano da Música, pór en relación “unha das pezas esenciais da música sacra” con cinco dos “espazos máis importantes do patrimonio eclesiástico” de Galicia.

Así o expresou o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, que sinalou a importancia da iniciativa para a “proxección dos novos valores” da música galega á vez que “pon en valor” o patrimonio da comunidade.

Neste sentido, eloxiou o labor da orquestra ‘Gaos’, fundada en abril de 2009 baixo a dirección de Fernando Briones, quen tamén estivo presente no acto para destacar a participación de 227 músicos e 11 solistas galegos na formación ao longo deste período. Un deles é o barítono Borja Quiza, quen interveu para agradecer a “honra” de que se lle encomendou este proxecto. 

CALENDARIO DE ACTUACIÓNS

   O ‘Ciclo de Catedrais’ comezará este sábado na Catedral de Ourense ás 21.00 horas e continuará ao día seguinte na Catedral de Tui, ás 19.30 horas. O 15 de outubro pasará pola Catedral de Santiago ás 21.30 horas e o 16 trasladarase a Mondoñedo para interpretar o ‘Réquiem’ a partir das 19.30 horas.

   Ademais, os recitais de Ourense e Santiago completaranse coa interpretación do ‘Concerto para clarinete e orquestra na maior’, tamén do compositor de Salzburgo, no que actuará o clarinetista Antonio Suárez. Así mesmo, na orquestra colaborarán, ademais de Quiza, a cantantes Carmen Subrido, Nuria Lorenzo e Francisco Corujo. 

   Pola súa banda, a capital luguesa non acollerá o concerto na súa catedral por “problemas técnicos”, que obrigaron a que se traslade a actuación á igrexa de San Pedro. A entrada será gratuíta ata completar o aforamento, que no caso de Santiago abarca a unhas 700 persoas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar