Os españois, os europeos menos dispostos a traballar na xubilación

O traballo é saúde, pero a partir dunha determinada idade, mellor gozar do que nos quede dela aplicados noutros mesteres. Esa parece a conclusión dun estudo realizado en sete paises da Unión Europea que confirma que os españois somos os cidadáns europeos menos predispostos a seguir traballando unha vez cumprida a idade da xubilación. Só o 41% dos mozos españois menores de 34 anos ven razoable e plausible traballar máis aló do tope legal, fixado nos 67 anos, unha porcentaxe que se eleva ata o 46% no caso dos maiores de 55 anos. Italianos (68%) e franceses (64%) estarían máis polo labor do retiro activo.

   Nun férreo exercicio de optimismo, os españois tamén cremos de forma maioritaria que a pensión pública seguirá sendo unha das nosas principais fontes de financiamento cando abandonemos o empedrado camiño laboral. Segundo o estudo «Generaciones» do Instituto Aviva de Ahorro y Pensiones, entre os individuos de máis de 55 anos, a porcentaxe dos que están convencidos de que a caixa da Seguridade Social aguantará é dun 70%, pero redúcese ata o 55% entre os mozos de 18 a 34 anos.

Un 54% dos españois próximos a idade de xubilación estarían preocupados polo feito de non saber se disporán de suficiente diñeiro para poder gozar dun retiro máis dourado que ocre. Bastante lonxe dos líderes da inquietude anticipada, os franceses, onde a porcentaxe elévase ata o 72%.

Un 42% dos enquisados de máis de 55 anos estima que necesitará polo menos o 100% do seu salario actual para ter un bo nivel de vida durante a vellez, mentres que outro 18% cre que ese salario bastaría para pouco máis que sobrevivir. En todo caso, non se pode dicir que sexamos a paradigma da previsión: un de cada cinco españois de máis de 55 anos non se parou a botar números para calcular canto vai necesitar. E só un feliz e envexable 27% afirma que xa dispón dos suficiente aforros para facer fronte aos inesperados xiros da vida na dura idade madura.

Como é lóxico, os mozos dan prioridade ao aforro a curto prazo e aos gastos do momento (53 %), antes que a planificar a súa seguridade no longo prazo, o que non impide que o 61 % deles teman non ser capaces de aforrar suficiente diñeiro para sobrevivir durante a súa xubilación. O 37% dá por feito que non lles chegará sen un bo plan de pensións. Que non nos falte a saúde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar