O empresario lugués «acreditará» que o ministro Blanco cobrou comisións

O avogado do empresario lucense Jorge Dorribo, Ignacio Peláez, asegurou este venres que o seu cliente lle confirmou que «vai ter a capacidade de poder acreditar» que o que dixo sobre o ministro de Fomento, José Blanco, a quen acusou de cobrar comisións ilegais a cambio de favores, «é verdade».

   Neste sentido, Peláez aseverou, en declaracións a Onda Cero, recollidas por Europa Press, que o seu cliente \»está a desexar\» que o tamén portavoz do Goberno interpoña contra el unha querela por calumnias, tal e como xa anunciou, porque iso daríalle o dereito de «acreditar e demostrar que o que di é verdade».

   «Eu estou a desexar que o faga e o meu cliente tamén porque, se é así, o meu cliente, querellado como calumniador, ten dereito ao que se denomina a ‘exceptio veritatis’, é dicir, a acreditar e demostrar que o que di é verdade», sinalou, para engadir, con todo, que ata que non se peche o procedemento xudicial actual non poderá interpor a querela.

   Así mesmo, o letrado de Dorribo criticou que se estea acusando ao industrial de non ter credibilidade por estar no cárcere. «O que non acepto que se me diga que o meu cliente non ten ningunha credibilidade porque é un delincuente e estivo no cárcere, e en cambio un señor como Bono ten toda a do mundo. Desde logo están ao mesmo nivel e para min teñen exactamente a mesma credibilidade», defendeu.

   Por outra banda, encomiou o que, considera, foi un «acto de valentía» por parte de Dorribo ao decidir autoinculparse para «dicir a verdade». «Este señor está xa un pouco canso de todas as barbaridades que se estaban dicindo contra el. Fixo un acto de valentía e dixo: ata aquí chegamos», apuntou.

   Preguntado sobre a posibilidade de que apareza novidades no marco do proceso xudicial que investiga a ‘Operación Campión’, Peláez manifestou que non lle estrañaría.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar