Contra o absentismo laboral no Sergas

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou  que no ano 2011 existen preto de 200 baixas laborais menos cada día no Servizo Galego de Saúde que das que había en 2008, que os procesos de baixas activas existentes duran 5 días menos de media, e que isto significa “que a sanidade pública dispuxo de 82.400 días máis de empregados públicos durante o ano 2011 e un aforro de 6 millóns de euros no que se refire a gastos de persoal por substitución”.

Na rolda de prensa tras o Consello da Xunta de hoxe, que analizou un informe sobre a baixada do absentismo no Servizo Galego de Saúde, Feijóo salientou os “excelentes resultados” que se desprenden deste informe e do control, dixo, “que tivo como obxectivo reducir as prácticas incorrectas que prexudican tanto ao propio funcionamento dos servizos públicos como ao custe que xera de gasto de persoal mediante substitucións ás persoas que están de baixa laboral”.

Así, no que atinxe á incidencia, o indicador que refire os novos procesos de baixa xerados nun momento determinado, o presidente galego lembrou que en 2008 o índice era do 65,3, fronte ao 39,3 de 2011, o que representa unha diminución do 40%.

En canto á prevalencia, o indicador que refire as baixas activas acumuladas durante o período, a redución situouse no 23%; con respecto á duración media da baixa esta pasa de 45 días en 2008 aos 40 actuais (unha diminución do 12%); e no que se refire á taxa global de absentismo, pásase dun 7,5 ao 5,31, o que significa unha redución dun 30% da taxa de absentismo nos centros públicos do Servizo Galego de Saúde.

Segundo destacou Feijóo “isto ten unha serie de efectos”, o primeiro deles, relatou, “que cada día hai 200 baixas laborais menos nos centros hospitalarios e nos centros de atención primaria”. O segundo, proseguiu, “que nas baixas que aínda existen, a duración media é de 5 días menos que en 2008”; e o terceiro, “que isto supón que temos 82.400 días máis de empregados públicos no seu posto de traballo”. “Consecuencia desta actuación: que a Xunta de Galicia, o Servizo Galego de Saúde, conta con 6 millóns de euros máis na sanidade para outros destinos, como mellorar a actividade ou para financiar infraestruturas”, aseverou o mandatario autonómico ao respecto.

“Creo que é un bo traballo, imos seguir por esta liña e penso que hoxe vai moita máis xente traballar ao Servizo Galego de Saúde da que ía no ano 2008. E iso supón que estamos en taxas de absentismo do 5,3%, cunha redución do 30% sobre as taxas do ano 2008, que estaban no 7,5%”, incidiu Feijóo remarcando que “200 baixas laborais menos cada día acreditan que estamos no camiño axeitado”.

“Se podemos introducir melloras nos servizos que prestamos, se podemos seguir facendo infraestruturas sanitarias en época de crise económica, é porque somos capaces de esforzarnos máis e de mellorar a eficiencia do sector público sanitario”, afirmou, lembrando que isto tamén é posible grazas a que “estamos atopando corresponsabilidade por parte dos traballadores”. Nesta liña, Feijóo agradeceu o papel da inspección sanitaria pero tamén a cada vez “maior corresponsabilidade dos empregados públicos co compromiso de acreditar a eficiencia do sector público sanitario galego”, concluíu.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar