Máis da metade dos fogares de Galicia están conectados á Rede

Os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2011 indican que Galicia mantén unha evolución positiva da penetración das TIC entre os galegos pero a súa posición no contexto autonómico no é a desexada.

O ritmo de crecemento de Galicia é superior á media estatal en varios indicadores sobre equipamento e uso das TIC pero non se acada a converxencia coa media estatal debido, principalmente, ao envellecemento e dispersión poboacional xunto coa súa singular orografía. Así, en Galicia, o 34,5% da poboación ten máis de 55 anos fronte ao 27,7% de España e as 7 grandes cidades de Galicia só concentran o 35,7% da poboación. Isto unido a unha retrasada posición de partida con preto de 800.000 galegos sen posibilidade de acceso á Rede fan que Galicia sega ocupando as últimas posicións no conxunto do Estado. Para revertir esta situación a Xunta puxo en marcha a mediados de 2010 o Plan de Banda Larga que a día de hoxe nun 41% a porcentaxe de galegos sen cobertura.

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga) a Comunidade experimenta un crecemento superior á media estatal na contratación e uso de Internet, no equipamento de ordenador e nas compras a través da Rede, mantendo a súa posición destacada no uso da Administración electrónica e das redes sociais. A Comunidade reduciu a fenda dixital coa media estatal en 2,5 puntos no uso de ordenador e en 2 puntos no uso de Internet.

Ademais, os nenos galegos de 10 a 15 anos manteñen a súa vantaxe sobre os do resto do Estado no uso de ordenador, Internet e telefonía móbil e obsérvase unha importante evolución da conexión a Internet nos concellos de menos de 10.000 habitantes que experimentan un crecemento dun 18,6% no último ano.

Equipamento TIC dos fogares galegos
Segundo os datos que ofrece o INE, o 65,3% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, o que supón un incremento do 6% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (71,5%) rexistrou un incremento (4,1%) inferior á media galega. Por tipo de ordenador, o de sobremesa ou PC está presente no 43,6% dos fogares, mentres que os portátiles atópanse no 45,4%.

A conexión a Internet está presente no 53,3% dos fogares galegos, superando por vez primeira a metade das vivendas de Galicia, fronte ao 63,9% que rexistra o conxunto do Estado. A conexión á Rede en Galicia experimentou un incremento do 9% con respecto a 2010.

Por primeira vez, máis da metade dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga. Concretamente, o 51,6% dos fogares galegos conéctase a Internet mediante banda larga (un 11% máis ca no ano 2010) mentres que no conxunto do Estadoesta porcentaxe é do 61,9% do Estado (cun incremento do 7,8%)

Cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia un 18,7% accede mediante conexión móbil de banda larga, 5,6 puntos máis que a media estatal.

O hábitat poboacional segue a ser un dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia. Así, concretamente para a conexión a Internet, a porcentaxe de galegos con conexión á Rede nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes é do 66,1%, 2 puntos por baixo do conxunto do Estado. Nos núcleos de menos de 10.000 habitantes este indicador sitúase no 40,1% en Galicia fronte aos 54,4% do Estado, medrando un 18,6% respecto ao ano 2010.

Uso das TIC
O 62,2% dos galegos e galegas utilizaron o ordenador nos últimos tres meses, un 7,6% máis que no ano 2010, reducindo a diferenza coa media estatal en 2,5 puntos porcentuais. Un 58,5% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 9,1%, con respecto ao ano anterior. O ritmo de crecemento do conxunto do Estado (4,5%) é inferior ao galego neste período, permitindo reducir a diferenza coa media estatal en 2 puntos porcentuais. Non obstante, a media estatal (67,1%) supera en 8,6 puntos porcentuais á media galega.

A enquisa do INE indica que un dos crecementos máis notables produciuse nas compras a través de Internet. Un 17,7% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo nos últimos tres meses, un 22,9% máis que no ano 2010.

Os datos mostran que Galicia segue por riba da media do conxunto do Estado no grupo de idade de 10 a 15 anos en uso de ordenador, Internet e telefonía móbil, durante os tres últimos meses. A proporción de nenos que usaron o ordenador nos últimos tres meses en Galicia é do 96,7% e do 95,6% para o Estado. Para o uso de Internet nos tres últimos meses, a porcentaxe é dun 88,8%, fronte ao 87,1% do conxunto do Estado.

O uso dos servizos de comunicación avanzada por Internet, por parte dos internautas galegos presenta niveis superiores aos dos internautas do resto do Estado. Un 53,3% dos internautas de Galicia participan nas redes sociais, fronte ao 52,3% da media estatal. Un 75% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 5,8 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 69,4% busca na Rede información sobre educación ou formación, 5,9 puntos porcentuais por riba da media estatal. E un 66,2% dos internautas galegos consulta wikis ou enciclopedias en liña, 8,5 puntos porcentuais por riba da media estatal.

A Administración electrónica
Os datos do INE correspondentes ao ano 2011 mostran que Galicia segue a obter bos resultados no uso dos servizos da e-Administración, durante os últimos doce meses. Un 42,9% dos internautas galegos descargou formularios oficiais (7,3 puntos máis que a media estatal) e un 28,6% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (3,1 puntos por riba da media estatal). Estes datos sitúan a Galicia como a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para descargar formularios oficiais e a cuarta en envío de formularios cumprimentados ás Administracións públicas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar