‘Matalobos’, nova tempada na Galega

A terceira tempada da ficción policial inclúe, a sección “15 Zona: Cerco aos Matalobos”, onde a Garda Civil explica como loita contra o narcotráfico
 

Despois de que o home máis poderoso da Sardiñeira, Carmelo, pasase un tempo no cárcere, a Galega estreou a terceira tempada de “Matalobos” co capítulo “Todo segue igual”, en que o xefe do clan queda libre e comproba como cambiou o seu mundo e o da súa familia. Nun escenario con novos personaxes e tramas, a serie de intriga policial dá un paso máis alá na loita entre narcotraficantes e Garda  Civil, unha loita que arrancou nas descargas das praias e que agora se traslada aos portos.

Para os habitantes da Sardiñeira pasaron cinco anos desde que Carmelo ingresou en prisión e agora que recobra a liberdade, o narcotraficante deberá poñerse ao día se quere quitarlle o poder ao clan dos Veloso que reina agora na Sardiñeira: perdeu o pazo familiar, agora en mans de Mateo Veloso e a muller, Vanesa Viaño, pais dun bebé chamado Sindo; e a nai, dona Carme, viuse obrigada a mudarse a un humilde piso na cidade.

Nesta nova tempada, a ficción contará con moita máis carga de acción, de feito a Garda Civil traballa en novos operativos antidroga, precisamente para desactivar unha operación en que parece estar involucrado o clan dos Veloso. A partir de agora os Matalobos e os Veloso van vivir un novo enfrontamento polo poder, o que Mateo non quere perder e o que Carmelo quere recuperar.

Respecto do posto da Garda Civil tamén sofre cambios, cos axentes Táboas, Mosteiro e Seijas ascendidos e decididos a resolver unha cuestión persoal para todos eles: os corpos sen vida de Marcos Matalobos e Sara Campos aínda sen aparecer.

“15 Zona: cerco aos Matalobos”

A nova sección que a Galega estrea antes da emisión do capítulo, narrada polos propios axentes e ilustrada con imaxes da serie, está dedicada á estrutura de Postos de Mando da Garda Civil en Galicia, para coñecer como é o proceso cando arranca unha investigación.

A serie, que nas anteriores tempadas se impuxo á oferta das outras canles na súa faixa de emisión, conta con cinco premios da Academia Galega do Audiovisual e o premio da Fundación Garda Civil, pola súa fidelidade á hora de reproducir o labor da Benemérita na loita contra o narcotráfico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar