A USC publica Edith Wharton: back to Compostela

Santiago. Aleluia! Xubileo! Lhassa! A outra noite vin a eternidade foi a frase anotada nos seus apuntes pola escritora norteamericana Edith Wharton, cando descubríu o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago na súa primeira peregrinación en 1925. Agora, case 90 anos despois, a USC, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, publica Edith Wharton: back to Compostela, no que é a segunda aproximación á biografía e á obra desta autora propiciada por Igualdade, que xa publicou unha edición en galego de A Idade da Inocencia.

Portada do libro

Edith Wharton: back to Compostela é resultado dun longo traballo de investigación realizado por Patricia Fra e reproduce de xeito facsimilar o diario no que Wharton narra a experiencia das súas dúas peregrinacións a Santiago, trasliterado ao inglés e traducido ao galego e ao castelán. A publicación foi presentada esta lunes no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, nun acto ao que asistiron a titular de Igualdade, Marta González; o reitor, Juan Casares; a autora, Patricia Fra e o director do servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco.

Marta González destacou a relevancia da figura de Wharton e o uso que fixo da peregrinación “como a forma de viaxe que se consideraba menos nociva para as mulleres”, que tiñan restrinxidas moitas actividades, entre elas a viaxe “como experiencia educativa, pracenteira e de ruptura coa cotidianidade”. Citou os exemplos de Edith Wharton, George Sand, Isak Dinesen ou Emilia Pardo Bazán como mostra de mulleres significativas que ”racharon cos patróns preestablecidos de comportamento e decidiron dar un xiro radical ás súas vidas para adquirir independencia” e rematou sinalando que a publicación desta obra “reafirma o centenario compromiso da institución universitaria compostelana co coñecemento do pasado e presente de Galicia”.

Pola súa banda, o reitor, Juan Casares, recoñeceu e agradeceu o decidido apoio da Secretaría Xeral da Igualdade á investigación desenvolvida pola USC, nuns momentos, dixo, “nos que é especialmente valioso este apoio”.

Dous textos
Por orde cronólóxica, o primeiro texto publicado é un diario de viaxe titulado Last Spanish Journey with W. Spain, 1925, tamén denominado Diario de España que escribíu en 1925 durante a súa viaxe con Walter Berry. O segundo ensaio inacabado e sen datar, baixo o título Back to Compostela, teríao comezado a escritora cinco anos máis tarde, en 1930. Segundo a profesora Patricia Fra, ía incluír información tanto do diario de 1925 como da súa segunda peregrinación a Santiago, en 1928, nunha obra que desafortunadamente nunca levou a cabo.

Como se apunta na introdución do volume, tanto a primeira edición de Diario de España como a do ensaio Regreso a Compostela ofrécese en tres idiomas (inglés, castelán e galego) para facilitar a súa consulta e lectura, “xa que a escritura de Wharton é difícil de desentrañar”, aclara Patricia Fra. Os responsables da edición apostaron por unha edición anotada ao entender que se trata “dunha fonte novidosa para o coñecemento do Camiño de Santiago nos anos vinte e que debe ser incorporada ao corpus escrito sobre a peregrinación ata o Finis Terrae’, segundo a tradutora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar