Comeza a vacinación antigripal

Hoxe,  luns,  en Galicia a campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo que se desenvolverá ata o 19 de novembro. Ao longo destas sete semanas poderán vacinarse todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco.

Neste senso, convén lembrar á cidadanía que hai tempo suficiente para facela progresivamente, polo que a Consellería de Sanidade recomenda á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencia non acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Inclúense nos grupos de risco ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, neuromusculares; as persoas con enfermidades metabólicas, renais, hepáticas ou hematolóxicas crónicas; as persoas con inmunodeficiencias; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres nas que o seu embarazo coincida coa temporada de gripe.

Tamén están dentro deste grupo aquelas persoas con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en explotacións ou matadoiros de aves ou porcos; e os viaxeiros internacionais.

O principal obxectivo desta campaña é diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecer a gripe e a morbimortalidade das enfermidades causadas polo Strepcoco pneumoniae na poboación de Galicia. Neste sentido, a vacina da gripe non só reduce a incidencia desta enfermidade, senón que ademais diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores e noutras con patoloxías previas.

A vía de administración desta vacina é intramuscular, é moi segura e as reaccións que pode producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras.

Galicia conta con arredor de 900 puntos totais de vacinación, entre os que  se atopan todos os centros de saúde e consultorios; os centros hospitalarios públicos; os hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Sanidade achegou este ano 3,7 millóns de euros á campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo. Adquiríronse un total de 610.000 doses (580.000 doses de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antineumocócica).

Este ano consolídanse as melloras incorporadas no ano anterior: a ampliación en cinco anos da poboación diana (que pasou dos 65 anos aos 60) e a vacinación nas persoas de 75 ou máis anos cunha vacina adxuvada, que ten un maior poder inmunóxeno e, polo tanto, unha eficacia máis alta.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar