San Froilán: Lugo xa é festa

Comezan este mércores en Lugo as festas de San Froilán, que se prolongarán ata o dia 12 cun amplo cartel de actuacións e actividades entre as que destaca a disputa do Campionato Galego de Aeroestación, entre os días 5 e 9 do mes de outubro.

A programación de San Froilán inclúe catro voos de exhibición sobre a cidade e dous espectáculos nocturnos con luz e son, un deles confirmado para o xoves -día 6 de outubro- a partir do nove da noite, que se poderá ver desde a Muralla romana -monumento declarado Patrimonio da Humanidade-.

As festas de San Froilán 2011 terán este ano novos escenarios e actividades que sorprenderán aos máis pequenos. A programación infantil levará aos xardíns da Deputación e deixa de chamarse Sanfroilanciño para ser San Froilán Miúdo, nunha chiscadela aos exitosos Mércores Miúdos que a Deputación ofreceu durante o verán nese lugar.

Tamén se organizaron actividades na Praza de Campo Castelo: actuacións de pequeno formato, como maxia, monólogos e representacións teatrais. Serán espectáculos de artistas lucenses e galegos, entre os que se atopan Teatro do Miolo, Peter Punk, Palimoco Teatro ou Pés Ceibes.

O cartel San Froilán Miúdo estará formado por doce espectáculos que empezarán o día 5 de outubro e terminarán o día 12, xornadas nas que haberá dúas sesións, do mesmo xeito que o 8 e o 9, por coincidir en fin de semana.

As actuacións serán sempre ás doce e media do mediodía e ao seis da tarde e baixo carpa. As obras elixidas para o San Froilán Miúdo están pensados para toda a familia, non só para os nenos, e que todos os grupos son galegos e varios lucenses. A programación inclúe teatro, música, clown, circo, danza e outras disciplinas artísticas e, á marxe dos espectáculos dos xardíns, os días 5 e 12 haberá, previamente, animación na Praza de San Marcos.

                                   PROGRAMA DAS FESTAS

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar