Renace Fenosa asumindo un papel fundamental na economía galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou, logo da súa reunión co presidente de Gas natural Fenosa, Salvador Gabarró, que a decisión de recuperar Fenosa con domicilio social e fiscal en Galicia suporá unha importante inxección económica coa creación de 3.000 postos de traballo e 1.800 millóns de euros en inversións na Comunidade. “A incorporación de Fenosa a un sector fundamental da economía galega e a constitución dunha empresa que factura 500 millóns de euros, con domicilio social e fiscal en Galicia, é o resultado da transcendencia económica desta decisión”, aseverou.

A decisión implica dirixir desde Galicia toda a xeración e coxeración eólica instalada na comunidade, así como tamén a xeración hidráulica e minihidráulica, a fluvial e a mariña do mundo “baixo unha marca que naceu aquí e que volve aquí, que é a marca Fenosa”, anunciou o presidente. Ademais engadiu que grazas a esta decisión “cando se fale de Fenosa se volverá a pensar automaticamente en Galicia, se pensará nun referente nacional e internacional da enerxía hidráulica, minihidráulica, mariña e eólica”.

Núñez Feijóo sinalou que esta é unha “gran noticia porque ten tres consecuencias fundamentais: a inxección de riqueza e emprego, é unha aposta desde Galicia para a investigación e a innovación e consecuencias estratéxicas porque -como xa dixen- Fenosa volve a Galicia”.

“3.000 MW instalados no horizonte de 2016, con obxectivos de seguir incrementando. Ou dito doutra forma, Fenosa contará co 42,2% máis de MW dos que contaba a mesma empresa en 1983 cando se fusionou e trasladou o seu domicilio social a Madrid. Fenosa volve a Galicia cun 42% máis de MW”, matizou.

O xefe do Executivo galego tamén anunciou que “esta decisión vai supoñer a creación dun centro de control e mantemento da hidráulica na Comunidade autónoma e desde Galicia para o resto de territorios onde ten centrais eléctricas e a creación dun Centro de Excelencia Hidráulica e Mariña”.

Por último, Feijóo reiterou que para Galicia é “unha gran noticia que unha das principais compañías enerxéticas do mundo non só manteña, senón que profundice os seus compromisos de inversión, enerxéticos e os seus compromisos de creación de emprego en Galicia”. “Para a economía galega, para o futuro galego e para a autoestima galega este día é un gran día”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar