Axuda a domicilio para os enfermos de Alzheimer

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe que a nova carteira de servizos para a atención á dependencia, presentada recentemente por este departamento autonómico, suporá unha mellora na atención aos enfermos de alzheimer. De feito, esta carteira contempla por primeira vez unha serie de recursos específicos deseñados especialmente para atender as persoas con este diagnóstico.

Beatriz Mato visitou hoxe o centro de día de alzheimer de Ourense, onde lembrou que mañá se conmemora o Día Mundial do Alzheimer e onde indicou que a nova carteira de servizos posibilitará facer “un traxe á medida das necesidades de cada persoa con dependencia, desde o coñecemento de que non todos os perfís son iguais e, polo tanto, as necesidades varían”.

De feito, o novo modelo permitirá combinar os servizos e a súa intensidade como un “menú flexible” segundo o que precise cada persoa dependente. Por iso, a carteira articula unha carteira de servizos comúns e outra de servizos específicos, deseñados particularmente para cada diagnóstico concreto.

E dentro desta carteira específica, o alzheimer “ocupa un lugar propio, con servizos definidos exactamente para dar resposta ao que estas persoas necesitan debido ás características desta enfermidade”, precisou Mato.

En primeiro lugar, e como principal novidade, este novo modelo non aplicará límites de idade en ningún dos seus servizos. Algunhas enfermidades dexenerativas, como o alzheimer, xeran situacións de dependencia antes dos 60 anos, pero requiren servizos de apoio que ata agora só están dispoñibles para os maiores desa idade. Esta barreira desaparece na nova carteira, o que garante que todas as persoas que o precisen terán o servizos oportunos con independencia da súa idade.

En segundo lugar, na atención residencial específica para o alzheimer, reducirase a 3 meses a periodicidade das valoracións de seguimento das necesidades do usuario ou a súa familia, así como a valoración psicolóxica, fronte aos 6 meses previstos na carteira común, é dicir, para os residentes que non teñen alzheimer.

A carteira contempla tamén un servizo de prevención específico para este colectivo, que será atendido por psicólogo, pedagogo e terapeuta ocupacional, ademais dun servizo de estimulación terapéutica, desde o cal se facilitará información, asistencia nas actividades básicas da vida diaria, terapia ocupacional, estimulación cognitiva, atención psicolóxica e logopedia, así como actividades de ocio e tempo libre.

No novo modelo, articúlase un servizo de axuda a domicilio especialmente deseñado para as persoas con alzheimer. Ademais da atención nas actividades básicas da vida diaria no domicilio e da atención das necesidades domésticas, tamén incluídas na carteira de servizos comúns, a axuda a domicilio para o alzheimer incluirá a estimulación cognitiva e funcional como prestación básica e específica deste colectivo.

Por outra banda, nos servizos de atención diúrna incorpóranse prestacións básicas referidas á rehabilitación funcional, psicolóxica e de enfermería, que non existen na carteira común.

Decreto da carteira
Na súa intervención, Mato indicou que esta carteira “vai supoñer un salto cualitativo moi importante para todas as persoas con dependencia recoñecida en Galicia”. “Con ela damos forma a unha nova organización dos recursos, deseñamos e regulamos os servizos aos que poderán acceder as persoas dependentes, adaptándoos a cada perfil concreto”, apuntou.

O Decreto que desenvolverá esta carteira estará listo no primeiro trimestre do 2012, ao igual que a orde na que se plasmarán os requisitos de acreditación dos diferentes servizos. Esta ferramenta -elaborada de forma consensuada e coordinada entre a Xunta e os profesionais dos centros de atención social, dos concellos e das entidades do ámbito social- permitirá incrementar a calidade da atención as persoas con dependencia de Galicia.

A Xunta de Galicia, no relativo ao alzheimer, está a actuar desde a prevención e a detección temperá, e fomentar o mantemento das habilidades e da autonomía persoal durante o máximo tempo posible, así como a reforzar ás familias e coidadores.

Beatriz Mato lembrou que nesta lexislatura incrementáronse en 180 as prazas dispoñibles para a atención a este colectivo, é dicir, un 77% máis. Entre elas están as 30 prazas do centro de día de alzheimer de Ourense. En total, Galicia dispón agora de máis de 400 prazas de atención específica ao alzheimer e o departamento está a investir, cada ano, preto de 3 millóns de euros no mantemento de todos os centros.
 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar